Un amplo número de municipios galegos non cumpren debidamente en medición da calidade de servizos

Así o evidencia o II informe sobre a materia elaborado por Rede Localis que fai especial fincapé no "esforzo" realizado polos municipios máis pequenos para sumarse á transparencia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/10/2019 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

A porcentaxe de municipios galegos con portal de transparencia aumentou nos dous últimos anos desde o 78% ao 96%, unha mellora que se fixo máis patente en pequenos concellos e nas provincias de Ourense e Pontevedra.

Así o evidencia o II informe sobre a materia elaborado por Rede Localis en colaboración coa Universidade de Vigo, a Fegamp e a Xunta, e onde tamén se fai referencia a que materias como os resultados da medición de calidade son os que aparecen con menos frecuencia.

O informe foi presentado este mércores nun acto no que participou a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, así como o codirector de Rede Localis, Alberto Vaquero, que explicou os detalles do documento.

En canto á extensión dos portais municipais de transparencia, comparados co primeiro informe, o estudo destaca que a porcentaxe pasou do 78% en 2017 ao 96% deste ano no conxunto de Galicia. O incremento, no entanto, foi especialmente acusado os municipios das provincias de Ourense (do 54% ao 92%) e de Pontevedra (do 62% ao 97%). O 88% destes concellos teñen unha ligazón directa na súa web ao portal de transparencia. Do mesmo xeito, tamén se incrementou neste período o número de municipios adheridos ao portal de transparencia da Xunta, que pasou de 35 concellos a 68.

O informe fai especial fincapé no "esforzo" realizado polos municipios máis pequenos para sumarse á transparencia, xa que, se en 2017 era o 73 por cento dos de menos de 5.000 habitantes os que tiñan unha web específica, na actualidade son o 96%.

CUMPRIMENTO DE INDICADORES

En relación ao cumprimento de indicadores, o informe apunta a que o 88,8% dos concellos galegos cumpren coa necesidade de publicar información relativa ás funcións que desenvolven, á normativa que lles é de aplicación ou á súa estrutura organizativa, cun alto grao de actualización.

Con todo, "compróbase unha reducida publicidade e actualizacións dos plans e programas anuais e plurianuais nos que se fixen os obxectivos concretos, así como as actividades, medios e tempo previsto para a súa consecución.

Do mesmo xeito, Alberto Vaqueiro explicou que un dos puntos nos que aínda os resultados son máis modestos é no grao de cumprimento dos servizos prestados, que só inclúen o 14%, "debido á urxencia de atender aos servizos municipais".

"A medición dos resultados non é sempre todo o boa que debería", dixo o responsable, que incidiu neste caso nun dos problemas que apunta o informe para a transparencia da actividade municipal: a "falta de recursos" das entidades locais.

Do mesmo xeito, só un 3,5% dos concellos publican o inventario de actividades de tratamento dos datos de carácter persoal, un indicador novo e falto de adecuación ao marco normativo, fronte á publicación de información de actividade contractual, cun grao de cumprimento do 83,3%.

A necesidade de facer pública a información relativa ás subvencións e axudas públicas concedidas presenta un grao de cumprimento do 41,2%; e a información sobre os orzamentos sitúase no 67,4%, mentres que só un 39,9% dos municipios presentan datos sobre contas anuais. As retribucións percibidas por altos cargos están no 48,8% dos portais municipais, pero a declaración de bens e actividades dos representantes locais figura unicamente no 20,4%.

Presentación do informe sobre transparencia local.
Presentación do informe sobre transparencia local. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta