Un colexio rural de Santiago reclama "instalacións dignas": non teñen patio interior nin aulas para todos

A comunidade educativa iniciará a campaña "Mollándonos polo ensino público" para reivindicar un patio digno e aulas para todo o alumnado.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2019 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

A comunidade educativa do CEIP de Roxos, en Santiago, reclama instalacións dignas para o alumnado do centro e urxe á administración educativa a que se poña mans á obra para solucionar os problemas que derivan dunha "deficiente xestión".

Aula sen remalar no colexio de Roxos
Aula sen remalar no colexio de Roxos | Fonte: CEIP de Roxos

Nos primeiros días de xullo iniciouse a construción de tres novas aulas no CEIP de Roxos, localizadas no que era ata ese momento o patio cuberto de Educación Infantil. Esta obra supuxo, xa que logo, perder ese espazo interior. O CEIP critica que non se planificara cubrir un novo lugar que fixera de patio. Ademais, aseguran que unha das tres aulas quedou "a medio facer".

Deste xeito, neste curso escolar o alumnado de Educación Infantil non conta con patio cuberto, polo que os nenos e nenas de tres e catro anos se ven obrigados a pasar no interior das aulas o tempo de recreo nos días de chuvia, que non son puntuais. A axeitada cobertura deste patio permitiría, ademais, que accederan baixo cuberto dun edificio a outro do colexio,  traxecto que agora fan varias veces ao día baixo a chuvia.

Asemade, o alumnado dun grupo de educación primaria, debido a esa terceira aula sen rematar, comparte a súa coa de educación musical, polo que se ven obrigados a cambiar varias veces ao día de espazo. O CEIP pon o foco da crítica na "conseguinte perda de tempo, ruptura de ritmo de estudo e limitacións na metodoloxía didáctica que se emprega e nas aprendizaxes que se acadan".

Entenden que esta situación "non tería que terse producido" e que foi "provocada pola propia administración", que planificou non cubrir o espazo de patio e decidiu non rematar unha aula que está agora de almacén. E mentres, "setenta cativos e cativas pasan o seu tempo de descanso nos corredores do edificio e van e veñen mollados dun edificio ao outro, e un grupo de alumnos de Primaria non ten un espazo en condicións para o ensino".

As familias do CEIP de Roxos reclaman que, de xeito "urxente", se cubra o patio de educación infantil e se remate a aula que quedou a medio facer, para o que teñen xa solicitado a través da ANPA entrevistas cos responsables políticos. Así mesmo, esperan poñer en marcha diversas accións reivindicativas nos vindeiros días baixo o lema “mollándonos polo ensino público” porque, sinalan, paga a pena mollarse por un ensino público digno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta