O Concello de Santiago prevé xerar vivenda sacando a concurso unha parte do seu patrimonio

Rosón sinala que será unha das iniciativas para abordar o déficit de vivenda de aluguer, xunto ao control de pisos turísticos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2019 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O Goberno local de Santiago de Compostela planea diversas medidas para tentar atallar a problemática da escaseza de vivenda en réxime de aluguer na capital galega. Unha delas, segundo sinalou a concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón, será sacar a concurso unha parte "moi importante" do patrimonio á venda para "xerar" esa dispoñibilidade.

Así o trasladou preguntada por unha proposta de Compostela Aberta para que o Concello impulse a construción de vivenda pública en zonas como Pontepedriña ou Restollal, entre outras. Este patrimonio que prevé sacar a concurso o Goberno local formaba parte da Empresa Municipal de Vivenda e Solo e, segundo engadiu Rosón, de momento atópanse estudando as parcelas e valorando a situación.

Aínda así, a concelleira advertiu de que o problema de déficit de vivenda "responde a moitas cuestións", aínda que "ten moito que ver" coa "presión turística" e o auxe de vivenda destinado a uso turístico, "moi cuestionable a nivel xurídico".

Rosón apostou por "buscar fórmulas" que permitan un maior control e posibilidade de sanción deste tipo de oferta, que é "ilegal nunha proporción moi elevada", posto que non poden "permitir" que se produza "unha expulsión de residentes" da cidade por culpa da desregulación.

En materia de rehabilitación, a responsable municipal insistiu en priorizar as vivendas habitadas, que son fundamentais", para "mellorar a calidade de vida" dos seus habitantes e lembrou que a semana pasada pechouse o prazo das axudas para obras de accesibilidade.

Carteis de aluguer de vivenda. EUROPA PRESS - Arquivo
Carteis de aluguer de vivenda. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta