En Marea quere converter Galicia en "protagonista" do debate sobre a morte digna

O grupo que encabeza Villares traballa nun texto lexislativo para que a Cámara galega sexa "coprotagonista" da despenalización.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2019 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

En Marea organiza na tarde deste venres unhas xornadas parlamentarias sobre o dereito a unha morte digna e a despenalización da eutanasia, un debate no que pretenden converter a Galicia en "protagonista" coa aprobación dunha lei para a súa remisión ás Cortes do Estado durante a próxima lexislatura.

As xornadas, que se celebrarán a partir das 17,00 horas no Pazo do Hórreo, foron presentadas este xoves polo portavoz do grupo mixto, Luís Villares, e a vicepresidenta do Dereito a Morrer Dignamente (DMD) en Galicia, Ascensión Cambrón, que será unha das persoas que intervirán na cita.

Cambrón lembrou que existen estudos demoscópicos que cifran nun 77% a porcentaxe da poboación española que cre necesario despenalizar o suicidio asistido, unha porcentaxe que alcanza as súas cotas máis altas no País Vasco e Navarra grazas ao "compromiso da clase médica" coa divulgación do documento de instrucións previas, co que unha persoa pode expresar a súa vontade sobre os coidados e tratamentos, así como o destino do seu corpo, no caso de que no futuro non poida expresalo por ela mesma.

"En Galicia, os que divulgamos o documento somos esta asociación", afeou Cambrón, que tamén lamenta a "falta" de vontade por parte da Xunta para facilitar que os centros de saúde poidan recoller os coñecidos como 'testamentos vitais'. "Desde marzo estamos a esperar a reunión co conselleiro para tratar este asunto", asegurou.

Con todo, a despenalización da eutanasia depende do Congreso, que tería que aprobar unha modificación do código penal. Hai dous anos, unha proposición do Partido Socialista neste sentido quedou bloqueada pola negativa de PP e Ciudadanos.

Cunha nova convocatoria electoral á vista, Ascensión Cambrón confía en que durante a próxima lexislatura as forzas políticas faciliten un cambio "que a sociedade está a esixir".

GRUPO MIXTO

Neste sentido, como lembrou este xoves Luís Villares, o grupo mixto traballa na elaboración dun texto lexislativo para a súa aprobación na Cámara galega que "converta a Galicia en protagonista" do debate ao redor da morte digna.

"Como defensores dunha vida digna temos que defender o dereito a un final de vida digno", remarcou o tamén portavoz de En Marea, que asegura que, neste caso, "o lexislador está a ir por detrás da pulsión social".

Villares puxo o foco en que o Parlamento de Galicia ten "plenitude de funcións" para aprobar unha proposta de reforma lexislativa "que entre no Congreso despois das eleccións xerais".

O portavoz do grupo mixto, Luís Villares, e a vicpresidenta da Asociación Vivir Dignamente en Galicia, Asunción Cambrón. SANTIAGO
O portavoz do grupo mixto, Luís Villares, e a vicpresidenta da Asociación Vivir Dignamente en Galicia, Asunción Cambrón. SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 achungala

Pois que chame ós de Anova, que tamén están momia