G. Caballero culpa a Feijóo de provocar "unha crise sanitaria sen precedentes" en Galicia

Repróchalle un incumprimento cos servizos públicos e cita o caso do IES de Monelos da Coruña, tras inundacións nas súas aulas.

Por Europa Press / Redacción | | 17/10/2019 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, culpou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de provocar "unha crise sanitaria sen precedentes" en Galicia por "non cumprir" cos servizos públicos, entre os que citou tamén a educación.

Así o expuxo, en declaracións aos xornalistas, ás portas do IES Monelos da Coruña, no que o pasado luns se suspenderon as clases pola inundación, debido ás choivas, de varias clases, nun centro que se atopa actualmente en obras.

"Ás grandes cidades galegas non lles foi ben con Feijóo, os asuntos públicos non son atendidos", dixo en alusión á educación e, facendo referencia, en concreto, ao ocorrido neste instituto, pero tamén á situación dunha educación pública "con menos docentes e menos investimento".

A iso, sumou a situación no ámbito sanitario. "O PP meteu a Galicia nunha crise sanitaria sen precedentes, con déficit de médicos de Atención Primaria, menos camas hospitalarias...", expuxo.

En particular, referiuse á situación na Coruña, da que sinalou que, de acordo cos datos do Sergas, "no primeiro semestre de 2019 as listas de espera para os pacientes de maior gravidade aumentaron de media en tres días". "As listas de espera con Feijóo disparáronse", engadiu facendo extensiva esta situación ao resto de Galicia.

Gonzalo Caballero recriminou, por todo iso, a Feijóo "non cumprir cos servizos públicos" durante o seu mandato. Fronte a iso, defendeu que o PSOE é un partido "plenamente comprometido" cos servizos públicos, trasladando o apoio ao desenvolvemento dun novo hospital na cidade herculina "para paliar as deficiencias existentes". Ademais, aludiu á rexeneración da ría do Burgo, avogando por facelo con achega da Xunta.

UN PP "EN TEMPO DE DESCONTO"

Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey culpou á "retardación" por parte da Xunta das obras no IES Monelos dos problemas que se rexistran no centro, "con algúns alumnos recibindo clases no salón de actos", citou como exemplo.

A un PP "en tempo de desconto" no goberno autonómico, reprochoulle, ademais, que non estea "preocupado" polos "problemas dos galegos, nin a industrialización, nin as áreas urbanas". "Só cando estamos en período electoral", lamentou.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. PSDEG - Arquivo
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. PSDEG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta