Vulnerar a lei de augas termais de uso lúdico poderá supor sancións de ata 90.000 euros

A oposición presenta 175 emendas a esta norma, que autoriza concesións por 30 anos de terreos públicos con augas termais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2019 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

O proxecto de lei de usos lúdicos de augas termais de Galicia, cuxo debate de totalidade abordarase no pleno que arrinca o martes no Parlamento, contempla multas de ata 90.000 euros para infraccións moi graves, como exercer este tipo de aproveitamento sen contar con autorización ou concesión ou se esta atópase caducada, anulada ou revogada.

PSdeG, Grupo Común da Esquerda e BNG defenderán no pleno que se devolva ao Executivo un texto lexislativo que rexeitan e que, segundo defende a Xunta, aspira a fixar por primeira vez unha fronteira clara entre as augas termais reservadas para fins terapéuticos e preventivos e as destinadas a fins lúdicos. Todo iso, co obxectivo de "non malgastar o potencial, non romper os caudais e garantir a salubridade" desas augas.

Salvo sorpresa, a maioría absoluta do PPdeG permitirá sortear as tres emendas á totalidade presentadas e o texto seguirá adiante arrincando a súa tramitación parlamentaria. Todos os grupos da oposición (os tres que pedían a devolución e En Marea) rexistraron xa emendas ao articulado (175 en total) e mesmo os populares presentaron cinco coas que confían en mellorar o texto.

Á espera das modificacións que poida sufrir na súa tramitación na Cámara, o proxecto lexislativo que parte do Executivo de Feijóo incorpora un réxime de infraccións e sancións que ratifica que, vulnerar a norma, poderá supor multas de entre 900 euros --no seu grao máis leve-- ata 90.000 euros --en grao máximo--.

No apartado de infraccións moi graves, ademais de exercer este aproveitamento lúdico sen concensión, tamén está, por exemplo, empregar as augas termais para usos distintos dos previstos na correspondente autorización ou concesión de aproveitamento lúdico; así como a transmisión da concesión sen a previa autorización administrativa.

OUTRAS INFRACCIÓNS

Igualmente exponse como infracción moi grave o incumprimento das condicións previstas na resolución para outorgar a concesión cando con iso se poña en risco a saúde das persoas ou a seguridade dos bens ou do medio ambiente.

A modificación, paralización ou abandono do aproveitamento sen a previa autorización administrativa encáixase dentro das infraccións graves --sancionables con multa de ata 9.000 euros--, mentres que a dispoñibilidade da necesaria garantía financeira e/ou do seguro de responsabilidade civil fose do prazo establecido enmarcaríase nas leves --sancionables con con multa de ata 900 euros--.

EMENDAS AO PERÍODO DE CONCESIÓNS

A norma tamén contempla que, cando o terreo sexa de dominio público, outorgarase o dereito de aproveitamento mediante concesión administrativa por un período de 30 anos prorrogable ata un máximo de 75. E, cando o terreo sexa de propiedade privada, concederase unha autorización administrativa polo tempo previsto no proxecto de explotación, revisable por períodos de, como máximo, 10 anos.

Precisamente, dous grupos emendan o artigo da norma no que respecta ao tempo de concesións. En Marea faino para reducir o "máximo" ata 50 anos; e o PSdeG propón outra redacción distinta: "As concesións outorgaranse por un período de 30 anos, prorrogables de tal forma que, conxuntamente coa concesión inicial, nunca poidan superar os 75 anos".

Dentro do artigo 16, os socialistas propoñen dúas emendas de adición. Na primeira expoñen que recolla que o titular da concesión deberá solicitar a prórroga con anterioridade mínima dun ano ao fin do prazo de vixencia.

E na segunda emenda de adición, os socialistas expoñen que calquera explotación de augas obxecto desta lei que non tivese a necesaria concesión "será considerada ilegal e o organismo competente ordenará a inmediata paralización da mesma, que se manterá en tanto non se legalice a súa situación, sen prexuízo das sancións" que correspondan.

Piscina termal. ELM - Arquivo
Piscina termal. ELM - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta