Feijóo insiste en meter na axenda galega a situación de Cataluña: "É unha insubmisión política"

Esixe decisións ao Goberno central ante unha "situación excepcional", porque "non se pode non facer nada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2019 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, negou que o de Cataluña sexa "un problema de orde pública", como sostivo o ministro do Interior en funcións, Fernando Grande-Marlaska, e atribuíuno á "insubmisión política".

Para seguir esta liña, Núñez Feijóo puntualizou que "este é un problema en que o president da Generalitat é o primeiro en cortar as autovías, e é o primeiro en dicir que vai declarar outra vez a independencia e que teñen que seguir os violentos facendo e actuando con violencia en Cataluña".

Ademais, acusou ao presidente catalán de "negarse a condenar a violencia". Unhas críticas nas que coincide, curiosamente, co presidente socialista Pedro Sánchez. "Négase a comprometerse co estado de dereito e mantén o seu interese de declarar a independencia", censurou.

"Eu volvo reiterar: se ante isto non se fai nada, ao final todo vai parecer que calquera persoa, polo feito de ser independentista ou nacionalista ou ser socio do Partido Socialista en concellos cataláns ou na Deputación de Barcelona poida facer ou dicir o que queira, e isto paréceme grave", incidiu.

"Non queremos precipitarnos pero tampouco queremos calarnos, esta situación é excepcional e ante situacións excepcionais o Goberno ten que tomar decisións", engadiu. Feijóo apelou con respecto ao problema catalán que "nestes momentos a única decisión que non se pode tomar é non facer nada", en relación ao Goberno presidido en funcións por Pedro Sánchez.

Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis
Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis | Fonte: @JuanMa_Moreno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta