Volta ao horario de inverno: o vindeiro domingo ás 3.00 horas serán as 2.00

O debate sobre a eliminación do cambio de hora bianual segue sobre a mesa.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 21/10/2019 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

A madrugada do próximo domingo, 27 de outubro, finalizará o horario de verán cando ás 3.00 horas se atrasen os reloxos e de novo volverán marcar as 2.00 horas en España. Deste xeito, recuperarase un ano máis o horario de inverno, de acordo coa Directiva Europea do Cambio de Hora que se aplica en todos os Estados da UE.

En febreiro de 2018, a proposta de Finlandia, a Eurocámara votou sobre a posibilidade de terminar co cambio de hora. A pesar de recibir 384 votos en contra e tan só 153 a favor, o Parlamento Europeo comprometeuse a estudar a viabilidade do cambio de hora e abriu unha consulta pública.

Aínda que a Comisión Europea aprobou a eliminación do cambio de horario, en marzo deste ano a comisión de Transporte e Turismo do Parlamento Europeo apostou por atrasar ata o ano 2021 a eliminación do cambio de hora bianual proposto pola Comisión Europea para abril deste ano, de forma que as capitais teñan máis tempo para decidir se o país queda co horario de verán ou o de inverno.

As primeiras disposicións sobre o horario de verán adoptáronse en Europa en 1980 e desde o ano 2000, coa mencionada directiva, quedaron establecidas as regras que marcan o seu inicio en marzo e a súa finalización en outubro.

España xeograficamente está situada no uso GMT+1 coincidindo coa maior parte de Europa, excepto Reino Unido, Irlanda e Portugal, que se manteñen no UTC/GMT+0. Esta adscrición de fuso é a que marca desde 1940 a hora oficial española, adiantada en 60 minutos á hora universal.

Na latitude de España as horas de sol son as mesmas, aproximadamente dez no inverno e unhas 14 no verán, pero non amence ou anoitece á mesma hora no leste que no oeste, podendo haber máis dunha hora de diferenza dun extremo ao outro. Vigo, por exemplo, é a cidade europea na que máis tarde anoitece.

De acordo coa normativa vixente, o cambio de hora de verán a inverno prodúcese o último domingo de outubro en toda Europa, de acordo á Directiva Comunitaria do Cambio de Hora, que é de obrigado cumprimento co obxectivo de lograr un aforro enerxético.

Segundo estimacións do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), o potencial de aforro en iluminación podería alcanzar ao redor de 300 millóns de euros, o equivalente ao 5 por cento do total. Desa cantidade, 90 millóns corresponde ao potencial dos fogares españois, o que supón un aforro de 6 euros por fogar e 210 millóns restantes aforraríanse nos edificios do terciario e na industria.

O cambio de hora empezou a xeneralizarse a partir de 1974, a partir da primeira crise do petróleo, cando algúns países decidiron adiantar o reloxo para aproveitar mellor a luz do sol e consumir así menos electricidade en iluminación. Aplícase como directiva desde 1981 e foi renovada sucesivamente cada catro anos.

Aínda que, desde a aprobación da Novena Directiva polo Parlamento Europeo e do Consello da Unión en xaneiro de 2001, o cambio aplícase con carácter indefinido. A Directiva está incorporada ao ordenamento xurídico español por Real decreto 236/2002, de 1 de marzo.

O cambio de hora efectúase sempre o último domingo do mes de outubro no caso do horario de inverno, cando o reloxo se atrasa unha hora, e o último domingo do mes de marzo, cando se adianta unha hora o reloxo e comeza o horario de verán.

Montaxe sobre reloxo antigo de Cáceres. CEDIDA
Montaxe sobre reloxo antigo de Cáceres. CEDIDA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta