Un incendio calcina unha nave en Betanzos, pero non houbo feridos

Por outra banda, no concello coruñés da Laracha un incendio nun alpendre puxo en alerta aos servizos de emerxencia, pero tampouco houbo que lamentar danos persoais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2019 | Actualizada ás 10:36

Comparte esta noticia

Un incendio calcinou na madrugada deste martes unha nave de ferramentas situada no Polígono Piadela Suelo, na localidade coruñesa de Betanzos, pero ningunha persoa se atopaba no interior do inmoble no momento de producirse.

Segundo informou o 112 Galicia, ardeu a nave na súa totalidade e resultou danada a estrutura debido ás altas temperaturas alcanzadas.

As mesmas fontes sinalaron que, polo momento se descoñecen as causas exactas que orixinaron o lume, pero apuntan a un curtocircuíto como o motivo máis probable da súa orixe. Os Bombeiros tamén comunicaron ao 112 Galicia que as naves lindeiras non resultaron afectadas.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso sobre as 23,00 horas deste luns cando unha persoa particular informou dun cheiro a queimado e de que vía saír fume dunha nave.

Por iso, o servizo de emerxencias informou os Bombeiros de Betanzos e á Garda Civil, que desprazaron efectivos ata o lugar. Ademais, púxose en alerta ao persoal sanitario por se nalgún momento fose necesaria a súa intervención, á Policía Local, a Protección Civil e a persoal do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Así mesmo, debido á magnitude das chamas, tamén foi necesaria a intervención dos efectivos de extinción de Ordes e de Arteixo. Despois de traballar arreo durante toda a noite e dar por finalizadas as tarefas de extinción, os bombeiros procederon a refrixerar a zona.

LUME EN ALPENDRE

Por outra banda, no concello coruñés da Laracha un incendio nun alpendre puxo en alerta aos servizos de emerxencia, pero tampouco houbo que lamentar danos persoais.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos tras recibir a chamada dun particular ás 00,30 horas deste martes. Segundo a información facilitada polo alertante, ardía un alpendre no lugar de Raxido que almacenaba un depósito de combustible.

Por parte do 112 solicitouse a intervención dos Bombeiros de Bergantiños que, ao finalizar os labores de extinción, confirmaron que os materiais combustibles non se viron afectados. Finalmente, unicamente arderon distintos obxectos que se almacenaban no seu interior.

Ademais de membros do Servizo de Extinción Prevención de Incendios e Salvamento, por precaución, os profesionais sanitarios tamén foron alertados polos xestores do 112 Galicia, así como os axentes da Garda Civil e voluntarios de Protección Civil da localidade.

Camión de bombeiros
Camión de bombeiros | Fonte: Consorcio Provincial de Bombeiros de Ourense

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta