BNG asegura que traballará contra as reformas laborais que "precarizan" o futuro da mocidade

Sinalaron as preocupacións da mocidade, coma a "carencia dun financiamento adecuado para a universidade! ou o "exceso do prezo da vivenda en aluguer".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2019 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que se a súa formación obtén representación no Congreso dos Deputados tras as eleccións do próximo 10 de novembro traballará para derrogar as reformas laborais que "precarizan o presente e o futuro da mocidade galega".

Acompañada polo 'número un' do BNG a Cámara baixa pola Coruña, Néstor Rego, a líder dos nacionalistas galegos participou este martes nun acto coa mocidade no campus universitario de Santiago, onde coñeceu as preocupacións de diversos estudantes que se achegaron a tomar un café con eles nun espazo habilitado polos nacionalistas fronte á biblioteca Concepción.

Neste escenario e en declaracións aos medios, Pontón destacou que "unha das cousas" que "máis preocupa" ao BNG é "a precariedade" que viven os mozos galegos e que, na súa opinión, "se viu agudizada coas contrarreformas laborais do PP e PSOE", unhas normas que seguen vixentes a pesar de que o PP "deixou de gobernar".

"Temos dereito a construír unha sociedade mellor, con oportunidades e, para iso, temos que deixar de ver como desde Madrid nos están destruíndo as oportunidades de futuro", defendeu Pontón, que apostou por "facer algo diferente" o próximo 10 de novembro para que Galicia volva ter "voz propia" no Congreso.

PROBLEMAS DOS MOZOS

Pola súa banda, a cabeza de lista dos nacionalistas galegos ao Congreso, Néstor Rego, destacou que os estudantes lles trasladaron inquietudes que o BNG ten "desde hai tempo abordadas" e que "deben ter unha solución".

Así, sinalou que os mozos e mozas se preocupan por cuestións que "derivan da carencia dun financiamento adecuado para a universidade" que se traduce en "problemas cos espazos" e "na precarización da investigación e a docencia".

Ademais, no caso de Santiago, segundo apuntou, o "exceso do prezo da vivenda en aluguer e a falta de suficientes prazas de residencias" están "a dificultar enormemente que a xente poida estudar".

"Hai que pór solución a todos estes problemas, hai medidas de carácter xeral que se poden implementar e, para iso, pensamos que é necesario que o BNG estea no Congreso a partir das próximas eleccións", apuntou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, participan nun acto con estudantes en Santiago
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, participan nun acto con estudantes en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta