Denuncian "precariedade na pediatría pública": 1700 nenos están sen médico en Fene e na Capela

Pais e nais de varios concellos convocan unha concentración fronte ao Centro de Saúde de Fene para reivindicar unha "pediatría pública eficiente".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Un grupo de pais e nais da rapazada que acode aos pediatras dos Centros de Saúde de Fene e da Capela denuncian "problemas para acceder ao servizo de pediatría" xa que as dúas profesionais responsables "están de baixa".

Enfermeiras nunha planta de pediatría
Enfermeiras nunha planta de pediatría | Fonte: consalud.com

Segundo contan, ata o de agora o Sergas non ofreceu ningunha alternativa para solucionar esta situación "grave" que afecta a un total de 1.700 nenos de ambos os dous municipios. Para conseguir unha resposta eficaz fronte á falta de profesionais, os pais e nais do lugar convocaron unha concentración diante do Centro de Saúde de Fene o próximo día 26 ás 12:00h. A ela únironse tamén persoas doutros concellos cuxos centros sanitarios tamén funcionan en situación de precariedade. 

LOITA POR UNHA SANIDADE PÚBLICA DE CALIDADE

"Isto fainos ver que o problema é moito máis grave do que pensabamos inicialmente. A precariedade na pediatría pública é algo co que moitas familias conviven a diario. Resulta inadmisible", sentenzan as persoas afectadas. 

Coa súa loita, buscan que a rapazada poida ter acceso a unha sanidade pública de calidade. Como solución preventiva, como "parche" mentres non se atalle a "desatención" nos centros de saúde correspondentes, piden "que se cubra o gasto que poida xerar ás familias o feito de acudir á pediatría privada". Critican, ademais, que os seus fillos e fillas son atendidos, xa que logo, por profesionais diferentes cada vez que necesiten atención sanitaria. Ademade, indican que moitos destes profesionais "nin sequera son especialistas en pediatría". 

Alzan a voz, daquela, por unha "pediatría pública eficiente" e porque "os nosos fillos e fillas recuperen o seu dereito de atención pediátrica nos seus centros de saúde de xeito continuado". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta