Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2019 | Actualizada ás 15:14
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou que a lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta de 2020 inclúe unha "flexibilización de tarifas" no sector de taxi co fin de "facilitar a competitividade e a mobilidade dos usuarios".
A preguntas dos medios este martes en Arteixo (A Coruña), a conselleira subliñou que esta é unha "medida solicitada polo sector", que busca "máis facilidades" tamén nos prezos.
Ten como obxectivo "dar máis solucións e alternativas" aos usuarios, así como que o sector traballe "con lealdade", "sabendo que hai outros sectores como Cabify aquí na Coruña".
Entre outras cuestións, este cambio normativo inclúe que o titular do taxi e os usuarios poderán acordar un prezo fixo pola súa prestación ou un desconto. Nestes supostos, as tarifas vixentes terán a consideración de máximas.
Así mesmo, as tarifas dos servizos urbanos de taxis serán fixadas polos concellos ou, de ser o caso, por entidades competentes das áreas territoriais de prestación conxunta. No tocante a tarifas interurbanas será necesario dar audiencia ao Consello Galego de Transportes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.