Temas: ALUGUER TURISMO

A Xunta estuda "os pormenores" do fallo do Supremo sobre vivendas turísticas que anula medidas do Goberno galego

Lembra que leva "tempo reclamando" ao Goberno central "que se harmonicen as regulacións autonómicas" en canto a aluguer por habitacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2019 | Actualizada ás 20:55

Comparte esta noticia

A Xunta asegura estar "a analizar os pormenores" da decisión do Tribunal Supremo que anula a prohibición de que as vivendas turísticas en Galicia se poidan alugar por habitacións.

Imaxe dun piso turístico ofertado na plataforma de Airbnb
Imaxe dun piso turístico ofertado na plataforma de Airbnb | Fonte: Airbnb

A Consellería destaca que o fallo "avala na súa práctica totalidade" o decreto do Goberno galego, "pois só anula un único asunto dos 27 artigos recorridos" pola Comisión Nacional do Mercado e da Competencia e a Administración Xeral do Estado.

Así, reivindica estar a regular "con eficacia" esta tipoloxía de aloxamento "desde hai máis de dous anos" e apunta que este fallo está "en liña con pronunciamentos anteriores" do Supremo respecto de normativas doutras comunidades.

Respecto diso, resalta, "precisamente", que Galicia "leva tempo reclamando" ao Executivo central "que se harmonicen as regulacións autonómicas no que ten que ver, entre outros aspectos, co aluguer turísticos por habitacións".

O FALLO

En concreto, a sala terceira do Tribunal Supremo estimou parcialmente o recurso presentado contra o decreto de regulación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico da Xunta de Galicia e ordenou anular dous artigos que fan referencia á prohibición de alugalas por habitacións.

O fallo recorrido é o ditado en febreiro de 2018 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que naquela ocasión desestimou o recurso da Comisión Nacional do Mercado da Competencia e da Administración do Estado contra varios artigos desta regulación.

Temas: ALUGUER TURISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta