Crónica do procés catalán: unha ollada dos galegos que viven alá e dos galegos que volveron

Buscamos a perspectiva dos descendentes de galegos, emigrados e retornados de Cataluña. Unha visión que é moi diferente a do común da poboación galega. "Hai unha división matemática, pero non social", apuntan e insisten en que os violentos "non son máis de mil". Unha violencia que non comparte o conxunto dos cataláns.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2019 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

A poboación de galegos emigrados, tanto os de segunda como terceira xeración como os que emigraron en anos máis recentes e os retornados a Galicia, ofrecen unha visión particular do estado das cousas nas catro provincias catalanas desde o nacemento do Procés. Así, desde a visión de diferentes profesionais, pódese deseñar un cadro máis próximo a un momento e un lugar que ocupan e ocuparán a precampaña e campaña electoral antes do 10-N.

Concentración en Santiago en solidariedade con Cataluña
Concentración en Santiago en solidariedade con Cataluña

Non creo que haxa solución a curto prazo porque para iso ten que haber diálogo, iso non existe porque o Goberno central se nega a recoñecer que hai un problema político” di Suso Mon do Foro Cívico Galego de Barcelona, (FCGB), unha asociación sen ánimo de lucro que “queremos actuar como ponte entre a sociedade catalana e a galega sen ser unha sociedade galega ao uso que mira desde a “saudade” ou o folclore”. A falta de diálogo estaría sendo interpretada polo goberno Sánchez como “un problema de convivencia entre cataláns, cousa que é falsa porque a xente convive perfectamente” sinala Mon.

“Todo é moi complexo, porque os dous actores (Generalitat e Goberno central) quixeron apertar e as consencuencias víronse en 2017 coa aplicación do 155 e agora o que move este momento político  é a axenda” di Silvio Falcón, politólogo e xornalista nos Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña. “O Goberno central abandona o diálogo e pola contra, o lado digamos independentista abandonou a súa posición de non dialogar”.

A DIVISIÓN, EXISTE?

“Hai unha división no sentido matemático, non no social” di Suso Mon que tamén sinala unha fractura dentro do mesmo Govern catalán. “Existe esa división porque hai dúas visións estratéxicas diferentes, a de Torra que é a de Puigdemont, curtopracista e defensora da república e a de ERC cunha visión máis a longo prazo”. Con todo, profundar na división da sociedade catalana como discurso e elemento catalizador de determinadas posturas, parece terse convertido nunha estratexia. “O propio Pedro Sánchez fala de problema de convivencia, é certo que a política crea posicionamentos e un debate sobre independencia é algo moi potente” di Silvio Falcón.

Rúa de Barcelona
Rúa de Barcelona

Preguntados sobre se se fomenta un estado de ignoracia ou descoñecemento cara “o outro”, as respostas son que “Hai ignorancia tanto aquí como alá. En Cataluña a metade da poboación veu de fóra, o lugar de nacemento pode ser un factor” sinala Suso Mon que apunta ademais “eu teño amigos cataláns de orixe e a maioría non eran independentistas, agora sono, mentres que amigos de orixe non catalana, a metade agora son independentistas que mesmo falan en español na súa casa”, describe Mon.

Outra resposta é que o artigo 155 da Constitución se converteu nunha “opción política, nun punto programático” cando o seu cometido era ser un elemento de aplicación excepcional. Unha consencuencia é que, mesmo dentro da poboación inmigrada desde outros territorios do Estado, o independentismo “ampliou a base entre un 40% e un 60%” di Falcón.

Isto pode levar á criminalización do que debera ser só un movemento pacífico cara a consencución dunha república? “Algún estratega electoral pensou niso para triunfar, unha consencuencia é cando sobe electoralmente Ciudadanos, cando a catalanidade cívica é unha idea máis pluralista, non obstante coa idea de polarización e división Ciudadanos foi quen de aproveitar isto”  sinala Falcón en referencia aos resultados tanto en eleccións xerais como á Generalitat.

ACTORES

O 21 de outubro de 2017 o Goberno central presidido por Mariano Rajoy aplicaba por primeira vez desde 1978, o artigo 155 da Constitución que permite ao executivo central asumir as competencias dunha comunidade autónoma en caso de que esta non cumprise co mandado das leis ou “atentase contra o interese xeral de España”. Convocadas unhas novas eleccións á Generalitat, sería proclamado Carles Puigdemont como president do Govern, mais a súa fuxida a Bruxelas fixo que Quim Torra, activista político ligado a Puigdemont, asumise a presidencia grazas a un acordo de Junts per Catalunya e ERC.

“A actitude de Torra non é a máis necesaria ou acaída para un papel como o de president da Generalitat, como político e president non ten fortaleza” considera Suso Mon que remata, “Torra como activista si ten esa fortaleza”. “Vivimos unha situación de anormalidade desde hai moito tempo, pois Torra está aí porque o president votado está no exilio”.

Coa chegada de Pedro Sánchez ao poder con apoios de ERC, entre outros, pensouse nunha posible solución ou polo menos o comezo desa solución. Non ocorreu así. “Sánchez está atrapado polos seus condicionantes, Iván Redondo o seu asesor que prima a táctica curtopracista” di Silvio Falcón. “Ese tacticismo a medio prazo, case un esteticismo, puido verse coa cuestión dos inmigrantes dous meses despois de acoller a uns, cambia de postura, co tema do relator fixo o mesmo cando sentíu que as tres dereitas poderían facerlle dano”.

“Hai unha opinión moi xeneralizada, os presos políticos son presos políticos e os exiliados son exiliados” di Suso Mon, que sobre a decisión de Puigdemont de non estar presente “é xa unha valoración moi persoal”, mais lembra que para a sociedade catalana, na súa maioría, “a sentenza foi inxusta, porque entenden que foi contra unha parte de Cataluña, a metade desa sociedade”. ERC, socio do govern “mantén unha posición considerada pragmática dentro do Estado” de aí que “a Rufián lle chamasen traidor por esa postura, eses tamén lle chamaron traidor a Puigdemont”.

A VIOLENCIA?

Moitos medios emitiron, fotografaron e relataron as “longas noites” de violencia nas rúas de Barcelona. A manifestación pacífica de medio millón de persoas non freou a acción de protesta máis reactiva por parte de elementos que son considerados “minoritarios” e que, segundo algúns datos, non pasarían de 1.000 persoas.

Detrás disto pode haber un conxunto de factores que fan estourar esa violencia dentro dun sector independentista moi novo” responde Suso Mon, que engade “segue sendo minoritarios, non chegan a mil persoas, mais consideran que hai que respostar á violencia do Estado, unha sentenza inxusta, con violencia”. Mon non descarta que tamén se sumasen persoas de grupos antisistema doutros lugares de Europa así como non descarta a acción de infiltrados.

Un grupo de persoas foran detidas en setembro de 2019 como presuntos membros dun grupo terrorista. Vinculados aos CDR, as acusacións sobre este colectivo comezaron a crecer en intensidade. “Os CDR naceron como Comités para a Defensa do Referendum, estaban para protexer os colexios electorais” sinala Silvio Falcón. “Tal e como viraron despois os acontecementos, denomináronse a si mesmos Comités pola Defensa da República e, agora mesmo, nun sentido macropolítico non teñen representación abondo” e Falcón compáraos con Omnium Cultural que “ten 100.000 socios e socias e unha estrutura organizada, mentres os CDR son moitísimos menos e non teñen unha estrutura tan organizada”. Sobre o presunto grupo armado, a sensación é que “son uns iluminados”.

DESDE CATALUÑA E DESDE FÓRA

O artigo 155 fixo que o Goberno central asumise as competencias da Generalitat. Isto trouxo a canda si a substitución ou cesamento do Govern e parte dos funcionarios que desenvolvían tarefas administrativas. Mais, seguiu funcionando a administración da mesma maneira? “O momento máis grave foi a aplicación do 155, aí freáronse mesmo oportunidades de investimento, e ese freo impactou ao govern actual, que tivo que volver pór en marca todo o sistema” sinala Falcón. “Din que Torra só aprobou unha lei, mais hai que ter en conta que todo estaba paralizado, mesmo para a dirección xeral de Economía da Generalitat trouxeron unha persoa vinculada ao ministerio de Interior”.

“O día a día o certo é que como traballo máis fóra de Cataluña, pois estou pouco afectado, podería dicir que non me afecta moito o que acontece, mais como cidadán vou coñecendo o que pasa” di Tomás, fotógrafo galego. “O día da folga achegueime ver o que pasa, mais non me parece lóxica a situación dos presos, nin concordo coa sentenza”, di Tomás que engade “parece que se estás contra deles está claro que vas á cadea, o mínimo desacordo parece que te leva a prisión”. Logo de máis de dez anos en Cataluña, ve necesario o diálogo para solucionar a “cuestión catalana”.

Antón Escuredo, xornalista retornado de Cataluña, “non se pode comprender a situación que pasa alí, hai unha incomprensión, non en xente informada ou concienciada, mais polos medios de comunicación parece outra cousa”. Antón, que segue en contacto con amizades en Cataluña, di que tanto dentro como fóra “a xente comeza a informarse máis por Internet, e comezan ver os programas de TV3 e iso fai que se entenda máis a situación”. Con todo considera que é unha minoría e “se a metade dos policías que hai alí son galegos porque aquí non hai traballo, a un lle tiran unha pedra pois xa se sabe, que se cataláns asasinos, etc”. Para Antón “isto non se soluciona se non se vota, o que pasa é que España ten medo a perder a votación e con cada actuación o que fai é sumar independentistas mesmo sen ser catalán”.

Xosé Manuel Fernández, dinamizador e xornalista, ve que logo da suspensión do Estatut do 2010, fixo que en Cataluña a cidadanía “non se sentise escoitada, respondida e así o sentimento nacionalista foi a máis e o independentismo medrou progresivamente desde o 2010”. “Eu nunca sentín división, sentíame galego-catalán, e moitos amigos considéranse galego-cataláns, e ademais fun feliz alí, había moita integración” di Xosé Manuel. “O que vin tamén é que os cataláns son moi firmes defendendo os seus dereitos con orgullo e firmeza, mais sempre me sentín integrado e digo que creo que falei máis galego en Cataluña do que falei en Galicia segundo que situacións”.

HAI SOLUCIÓN?

As solucións a un ano vista non son posibles para ningunha das persoas consultadas. Nin sequera se houbese unha “intervención” ou “mediación” de estamentos foráneos como a UE. “Creo que non hai vontade dentro da UE, porque é un clube de estados, ademais xa manifestou que é un problema interno español” sinala Suso Mon que apunta máis “Francia teme o efecto contaxio ao Rosellón, unha zona pobre que, se ve que Cataluña se independiza, seguro que buscarían a  maneira de unirse ao novo estado”. “Unha volta ao Estatut do 2010 podería abrir portas”.

E se os partidos cataláns, mesmo incluíndo os non nacionalistas e independentistas buscasen unha solución por eles mesmos? “É unha das opcións, o que pasa é que un clima electoral constante non axuda” destaca Silvio Falcón. “Para chegar a solucións de calado hai que depurar os proxectos e iso non pasa en período electoral, pois aí as estruturas partidarias péchanse en banda de cara un resultado”. Con todo, Falcón non descarta que “nunha seguinte etapa podería pasar se o Estado non xoga á contra”.

Sentenza do xuízo do Procés cos líderes independentistas de Cataluña xulgados
Sentenza do xuízo do Procés cos líderes independentistas de Cataluña xulgados | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Dúas visións estratéxicas diferentes: Torra e Puigdemont curtopracista na defensa da República // ERC visión a longo prazo! /// Tradución: A dereita rancia de Pedralbes ten présa para poñer os cartos a cuberto! Os auténticos republicanos (ERC) que levan 80 anos pelexando pola República entenden que a présa da dereita oculta outros INTERESES! Os CDR que naceron para defender o Referendum agora están a ser subvencionados para defender unha República EXPRESS (Maquiavelo tiña ben claro que para defender a república era preciso contar cun pobo en armas!) Pero aínda que Maquiavelo tiña moita razón, non deixa de ser maquiavélico construir a República dos Ricos (3%) metendo no cárcere aos Pobres! /// Claro que iso aos que teñen fortunas en Andorra-Waterloo-Suiza tanto lles ten! Chercher l´argent !

1 Sentidiño

Debate sobre o proceso catalán, xoves 24 ás 19:00 na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago.