A cocaína é a droga máis consumida no suroeste de Europa segundo un estudo no que participou a USC

Os resultados destas pescudas, informou a USC, sinalan que no caso de Europa, constátase que a cocaína segue sendo a droga dominante nas cidades do suroeste do continente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2019 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

A análise das augas residuais xeradas por preto de 60 millóns de persoas de 120 cidades de 37 países (14 en Europa) centra un estudo participado pola USC que permitiu determinar que a cocaína é a droga máis consumida no suroeste europeo, zona na que se inclúe a Galicia.

O informe, publicado na revista Addiction, avalía as tendencias espaciais de uso de catro substancias ilegais (anfetamina, metanfetamina, éxtase e cocaína) en base ao localizado nas augas residuais dos cidadáns.

Para iso, un grupo de investigadores, entre os que se atopan os integrantes do grupo de Cromatografía e Quimiometría da USC José Benito Quintana, Rosario Rodil, Rosa Montes e Iria González Mariño, analizaron a monitorización de augas residuais durante un período mínimo de sete días en campañas desenvolvidas entre 2011 e 2017.

Mediante a análise da auga de entrada dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR), e a partir da concentración da propia sustancia e/ou dos metabolitos que se excretan por ouriños, pódese estimar a cantidade de droga consumida pola poboación. Esta metodoloxía aplicouse por vez primeira a nivel internacional no 2011 e, desde entón, o grupo de científicos SCORE realizou análises e recompilou datos dun número crecente de cidades ano tras ano.

Os resultados destas pescudas, informou a USC, confirman as grandes diferenzas que existen no uso de substancias psicoactivas no contexto mundial e, no caso de Europa, aínda que se advirten pautas de consumo diferenciadas, constátase que a cocaína segue sendo a droga dominante nas cidades do suroeste do ver continente (Suíza, Italia, Francia, España ou Reino Unido). Así mesmo, esta sustancia experimentou un aumento destacado na maior parte das localidades obxecto de análises ás que fai referencia o artigo.

Así mesmo, os autores aprecian en Bélxica e nos Países Baixos un importante consumo de cocaína e anfetamina, unha sustancia cuxa popularidade tamén se incrementou no Norte de Europa.

O consumo de metanfetamina, aínda que menor que o das outras catro substancias estimulantes consideradas, é especialmente elevado en países do Leste (Eslovaquia, República Checa e Alemaña do Leste) e está a se expandir cara ao norte e ao centro de Europa. A éxtase, sen chegar a dominar ningún escenario dentro do consumo de substancias de abuso, tamén experimentou un aumento ao longo do período estudado.

A diferenza do que ocorre en Europa, o consumo de metanfetamina é predominante nas cidades monitoradas en América do Norte (Estados Unidos e Canadá) e na rexión austral e asiática (Australia, Nova Zelandia e Corea do Sur), con niveis medios que superan con fartura os estimados en Europa do Leste. En América do Sur, a cocaína volve ser a sustancia dominante, especialmente en Colombia e Martinica.

Cocaína.
Cocaína.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta