A Xunta ao BNG: o "independentismo enerxético" non é a solución para o futuro das Pontes

A deputada do BNG Noa Presas, sinalou que "estamos aquí polo fracaso político e de modelo enerxético que levou a privatizar sectores enerxéticos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2019 | Actualizada ás 21:02

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, replicou ao BNG que o "independentismo enerxético" que o responsable do Goberno galego atribúe aos nacionalistas "non beneficia" a Galicia á hora de atopar solucións para o futuro da central das Pontes.

Conde respondeu desta forma á pregunta formulada ao fío das 20,00 horas deste mércores e tras dez horas de sesión ininterrompida pola deputada frontista Noa Presas durante o pleno do Parlamento de Galicia.

Tras afear que a Xunta "non fixese nada" nun mes tras o anuncio do adianto do peche da térmica, Presas instou ao Executivo autonómico a abandonar "o pimpampúm" que, di, manteñen o PP e o PSOE co futuro da central e dedíquense a buscar solucións ante a "emerxencia industrial que vive este país".

"Estamos aquí polo fracaso político e de modelo enerxético que levou a privatizar sectores enerxéticos. Hoxe As Pontes xestiónaa unha empresa pública, pero de Italia, e á que lle importa moi pouco o que pase nesa comarca", aseverou a parlamentaria nacionalista.

Durante a súa resposta, o conselleiro de Industria mostrou a súa "sopresa" polo "servilismo" do BNG "aos seus socios" do Partido Socialista e negou a falta de iniciativa que lle achacou previamente á Xunta o BNG, que censurara que o Goberno galego non solicitase a creación dunha mesa técnica para abordar a reconversión da planta nas Pontes.

"Xa lle pedimos ao Goberno que constitúa esa mesa técnica", asegurou Conde, que ironizou con dar a "benvida" ao Bloque "na defensa dos traballadores" de Endesa As Pontes. "A súa visión de país queda en Ou Padornelo", espetou Conde ao BNG antes de subliñar que "o futuro de Meirama e das Pontes pasa por Madrid e por Bruxelas".

BARRERAS

A continuación, tamén no pleno deste mércores, o titular de Economía respondeu a outra pregunta, neste caso formulada pola deputada Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG), quen cuestionou "onde está a Xunta despois dos anuncios fraudulentos e as falsas promesas" para o sector naval galego.

A deputada socialista afeou que "o conto de Pemex" terminase "sete anos despois" coa entrada en concurso de acredores por parte de Barreras logo de saída da petroleira mexicana tras "cheas de proxectos anunciados" polo presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo.

Na súa resposta, Francisco Conde descargou sobre o Partido Socialista a situación do naval galego. "Dúas decisións do PSOE levaron á perda de millóns para o sector", asegurou o conselleiro, que tamén culpa aos socialistas de que "as bancadas dos estaleiros de Ferrol estean baleiras".

"Sempre estivemos aí, defendendo o sector naval. Pemex xogou un papel determinante para a recuperación de Barreiras cando poucos, por non dicir ninguén, apostaban polo estaleiro", incidiu Conde.

A deputada do BNG, Noa Presas, nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia. BNG
A deputada do BNG, Noa Presas, nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta