Sobe o paro en Galicia mentres baixa no resto do Estado

3.100 persoas quedaron sen emprego no terceiro trimestre.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2019 | Actualizada ás 10:31

Comparte esta noticia

O paro subiu en 3.100 persoas no terceiro trimestre en Galicia en relación co trimestre anterior (+2,2%), ata 143.500 desempregados (a taxa queda no 11,5%), segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA). Mentres, a ocupación creceu en 6.900 persoas neste período e alcanza os 1.105.700 ocupados en Galicia. Deste xeito, a taxa de ocupación elévase en 0,2 puntos ata o 47,3%.

En cambio, en España o paro baixou en 16.200 persoas no terceiro trimestre do ano, o que supón un 0,5% menos que no trimestre anterior, ata situarse o total de desempregados en 3.214.400 persoas, o seu menor nivel en once anos, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Paro en terceiro trimestre en Galicia. EPDATA
Paro en terceiro trimestre en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Por comunidades, Galicia rexistra o sexto aumento relativo do paro, con Navarra á cabeza (+7,6%). Este trimestre hai unha decena de autonomías nas que se reduce o paro, liderado por Baleares (-30,9%). En Galicia, respecto ao mesmo trimestre de 2018, a caída do desemprego foi en 9.500 persoas, un 6,2% menos. Os ocupados son 9.200 máis que 12 meses atrás, un 0,8% máis.

A taxa de paro en Galicia sitúase no 11,5%, máis de dous puntos por baixo da media española, que se atopa no 13,92% no terceiro trimestre. Para os homes, a taxa de paro é inferior (9,8%) que para mulleres (13,3%).

FOGARES GALEGOS CON TODOS OS MEMBROS NO PARO

Os fogares galegos nos que todos os seus membros activos están en paro diminuíron en 2.100 unidades (-4%) no terceiro trimestre respecto dos tres meses anteriores e situáronse en 50.100. Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 400 unidades, son un total de 617.500 (na comparativa interanual hai 10.500 fogares máis).

TAXA DE PARO XUVENIL

Dos 317.600 mozos galegos de entre 16 e 29 anos, 128.800 (o 40,6%) están ocupados, 32.700 (o 10,3%) parados e os 156.000 (o 49,1%) restantes son inactivos. O paro xuvenil sobe en 2.500 persoas fronte ao trimestre anterior (+8,3%). A taxa de paro xuvenil sitúase no 20,3% neste trimestre; aumenta 0,7 puntos en comparación ao trimestre anterior. Se a comparativa se fai cun ano antes baixa en 3,5 puntos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 40,6% no terceiro trimestre de 2019. Con respecto ao trimestre anterior aumenta 1,6 puntos; fronte ao mesmo trimestre do ano 2018 aumenta 1,6 puntos. Nas sete cidades, Lugo é a que ten menor paro (o 6,8%), mentres Ferrol e Vigo son as que presentan a taxa máis elevada (o 15,6%). Pola súa banda, Santiago e Lugo presentan as maiores taxas de ocupación (o 57,9% e 56%, respectivamente).

AUMENTAN OS ACTIVOS

No terceiro trimestre de 2019, o número de activos galegos incrementouse en 10.100 persoas, á vez que a taxa de actividade ten unha alza de 0,4 puntos en comparación cos tres meses anteriores. Así, hai 1.249.200 persoas activas, cunha taxa de actividade do 53,5%. Esta taxa é superior en homes (58%) que en mulleres (49,3%).

DATOS ESTATAIS

En España, o descenso do desemprego é inferior aos rexistrados en todos os terceiros trimestres do últimos sete anos, de forma que hai que remontarse ata o terceiro trimestre de 2012 para atopar un dato peor: o que arroxou un aumento do paro de 93.200 persoas.

A pesar diso, a taxa de paro contraeuse unha décima no terceiro trimestre, ata o 13,92%, polo que baixa do 14% por primeira vez en 10 anos, en concreto desde o cuarto trimestre de 2008. A taxa de actividade retrocedeu lixeiramente, ata o 58,72%, tras aumentar o número de activos en 53.200 persoas entre xullo e setembro (+0,2%).

No terceiro trimestre deste ano creáronse 69.400 empregos, un 0,3% máis que no trimestre anterior, o que situou o total de ocupados en 19.874.300 persoas, o seu maior nivel en 11 anos. Con todo, este aumento de postos de traballo é o menor nun terceiro trimestre desde 2013, cando a ocupación se incrementou tamén en 69.400 persoas.

O EMPREGO PÚBLICO, EN MÁXIMOS DESDE FINAIS DE 2011

A creación de emprego rexistrada no terceiro trimestre repartiuse case por igual entre o sector privado, que xerou 35.200 empregos (+0,2%), e o sector público, que creou 34.200 empregos (+1%) respecto ao trimestre anterior.

Así, o sector privado rexistrou ao finalizar setembro o seu maior nivel de ocupación en once anos, con 16.645.700 empregados. Pola súa banda, os empregados do sector público situáronse en 3.228.700, a súa maior cifra desde finais de 2011.

No terceiro trimestre creáronse 32.800 postos de traballo ocupados por españois (+0,2%) e 36.700 empregos ocupados por estranxeiros (+1,5%). A cifra de estranxeiros traballando en España alcanzou no terceiro trimestre a cifra máis alta en nove anos, cun total de 2.428.800 inmigrantes ocupados.

SÓ SOBE O PARO FEMININO

Entre xullo e setembro, o paro baixou en 33.700 entre os homes (-2,2%), fronte a un aumento do paro feminino de 17.400 desempregadas (+1%). Con estes datos, a taxa de paro feminina avanzou unha décima, ata o 15,92%, mentres que a dos homes baixou tres décimas e se situou no 12,17%.

Desagregando os datos por nacionalidades, o paro dos españois subiu no terceiro trimestre en 9.300 persoas (+0,3%), en tanto que os estranxeiros en situación de desemprego baixaron en 25.600 (-4,2%). A taxa de paro dos españois situouse así no 13,11%, case sen cambios, mentres que a dos estranxeiros contraeuse nove décimas, ata o 19,3%.

Do mesmo xeito que co paro, a creación de emprego rexistrada no terceiro trimestre foi tamén só cousa de homes. Así, mentres que eles gañaron 74.300 postos de traballo entre xullo e setembro (+0,7%), o emprego feminino baixou en 4.900 mulleres (-0,05%), aínda que se mantén por encima dos 9 millóns de ocupadas.

Así mesmo, o repunte da actividade deixouse sentir máis entre os homes. Ao finalizar o terceiro trimestre, había 40.700 homes máis que no trimestre anterior en disposición de traballar (+0,3%), co que a taxa de actividade masculina se situou no 64,4%, practicamente a mesma que no trimestre anterior. Entre as mulleres, a actividade aumentou en 12.500 persoas, un 0,1%, ata situarse a súa taxa no 53,28%, case unha décima menos que ao peche de xuño.

SERVIZOS SUPERA POR PRIMEIRA VEZ OS 15 MILLÓNS DE OCUPADOS

Por sectores, o desemprego subiu no terceiro trimestre no colectivo de quen buscan o seu primeiro emprego, con 33.900 parados máis (+10,2%); na agricultura, que sumou 20.000 desempregados (+10,9%), e na construción, onde o desemprego aumentou en 3.100 persoas (+2,3%).

No resto de sectores rexistráronse descensos, especialmente entre os parados de longa duración, onde o paro baixou en 48.900 persoas (-3,9%). Séguenlle a industria, que perdeu 15.800 parados respecto ao trimestre anterior (-9,5%), e os servizos, con 8.600 parados menos (-0,7%).

En canto ao emprego, os servizos lideraron a creación de postos de traballo entre xullo e setembro, con 87.700 novos ocupados (+0,6%), o que levou o número de traballadores neste sector a máximos históricos, 15.042.400 empregados. Seguiulle só a industria, que incrementou a ocupación en 51.200 persoas (+1,8%). Por contra, a agricultura destruíu 63.000 empregos no terceiro trimestre (-7,8%) e a construción perdeu 6.500 ocupados (-0,5%).

CRÉASE MÁIS EMPREGO TEMPORAL NO TERCEIRO TRIMESTRE

O número de asalariados subiu en 101.700 persoas (+0,6%) entre xullo e setembro, cun aumento dos asalariados con contrato temporal de 76.600 persoas (+1,7%), fronte a un incremento de 25.100 asalariados con contrato indefinido (+0,2%).

Desta forma, o número de asalariados con contrato indefinido alcanzou a cifra máis alta da serie histórica, con 12.313.600 traballadores fixos. No terceiro trimestre, a taxa de temporalidade repuntou tres décimas, ata o 26,66%. No último ano os asalariados fixos aumentaron en 387.900 (+3,2%) e os temporais reducíronse en 31.500 (-0,9%).

Todos os postos de traballo creados no terceiro trimestre foron a tempo completo (+231.700), un 1,3% máis, fronte ao descenso de 162.300 empregos a tempo parcial (-5,5%).  Pola súa banda, os traballadores por conta propia descenderon entre xullo e setembro en 30.700 persoas (-1%), o que situou o número total de autónomos en 3.077.700 persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Quimicamente Puro

Alcoa, As Pontes, Barreras, o para disparado, se non fora porque a esquerda se presenta con partiditos que non van a ningures (BNG, UP, ANOVA,+PAIS, etc ..) non sería difícil botar a Feijoo.