Confirmados novos casos de contaminación alimentaria en escolas de varios puntos de Galicia

Tanto os centros como a Xunta destacan que foron casos puntuais e leves. Política Social indica que a causa está na presenza dunha substancia, a ‘histamina’, por enriba dos valores normais, en peixes crus e conxelados.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 24/10/2019 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

Uns valores anormais de “histamina” en peixe cru e conxelado, concretamente en palometa, pode estar na orixe dos distintos brotes de contaminación alimentaria que se están dando en varias escolas infantís de Galicia. 

Comedor escolar
Comedor escolar | Fonte: EP

Así, tras os casos detectados este mércores no Morrazo, pais de centros de Muros e Mazaricos puxéronse en contacto con Galicia Confidencial para informar que varios nenos tamén resultaran afectados, e cos mesmos síntomas que outros de Boiro e de Cangas. É dicir, que lle apareceran pequenas manchas vermellas na pel. Unha circunstancia que confirmaron os propios centros despois de que este medio se puxera en contacto cos seus directores.

Esta situación repetiuse tamén noutros centros da comarca do Barbanza, na Costa da Morte, en centros da Coruña e área metropolitana e na Pastoriza. Tamén a Consellería de Política Social confirmou estes casos que están sendo investigados. Con todo, tanto desde a Xunta, como desde os propios centros destacan que se trata de casos de contaminación puntuais e leves.

No caso de Muros foron afectados dez nenos o pasado venres que non precisaron de ingreso hospitalario. De feito, cada pai está actuando de xeito diferente xa que as reaccións alérxicas desaparecen, na maioría dos casos, nun día.

A ORIXE DO PROBLEMA

A orixe do problema foi o peixe servido nestes centros. Segundo trasladaron fontes de Política Social, os técnicos analizaron o peixe tanto en cru, conxelado como cociñado e confirmaron a presenza dunha suBstancia, ‘histamina’, por encima dos valores normais. Esta substancia anormal estaría, concretamente, na palometa servida no menú, que sería posteriormente modificado tras detectarse estes casos.

Un dos menús servidos nun comedor escolar
Un dos menús servidos nun comedor escolar | Fonte: chage.org

Os menús das escolas infantís afectadas son servidos pola mesma empresa, aínda que cada centro se encarga logo de preparalos. A Xunta está xa analizando se o problema está nesta empresa, ou na que suministra o peixe, posto que a empresa concesionaria cambiou de provedor de peixe hai menos dun mes. 

Sanidade acudiu á propia empresa encargada das cociñas de todos os centros e “non viron nada anómalo” polo que determinaron que a causa “máis plausible” é que rompese a cadea de frío nalgún momento do transporte do alimento por parte do distribuidor. 

En todo caso, desde a Xunta fan un chamamento á calma, posto que se tratou dunha incidencia leve e non dun problema a gran escala, e apuntan que se hai algunha responsabilidade por parte da concesionaria ou da empresa suministradora terá que ser asumida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta