A Xunta busca combater a crise demográfica coa universalización da educación de 0 a 3 anos

O anteproxecto da Lei de impulso demográfico contemplará tamén ampliar ata a maioría de idade dos fillos do persoal do sector público autonómico o acceso á flexibilidade horaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2019 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

O Goberno galego remitiu ao Consello Económico e Social (CES) o anteproxecto da Lei de impulso demográfico, unha vez estudadas todas as achegas que se presentaron durante o período de exposición pública e das que se tomarán en consideración, segundo o presidente, Alberto Núñez Feijóo, máis do 80 por cento.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do Consello da Xunta
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do Consello da Xunta | Fonte: Europa Press

Un total de 25 organizacións e persoas a título individual remitiron 336 suxestións, o que demostra, segundo Feijóo, "o interese e a implicación" da sociedade nunha norma que incorporará algúns cambios. Por exemplo, recollerá o "obxectivo" de avanzar progresivamente cara á "universalización" da educación infantil de 0 a 3 anos.

Nesta meta, o xefe do Executivo galego asegurou que espera "contar coa implicación do Goberno central".

Así mesmo, enumerou outras novidades que se inclúen no articulado, como a recollida "de forma expresa e separada no texto" da participación do terceiro sector social nas políticas de impulso demográfico.

Tamén "avanzar na creación de servizos de conciliación" nos centros de traballo da Administración autonómica e promover que se poñan tamén en funcionamento en "no resto de administracións públicas de Galicia"; así como garantir a accesibilidade dos recursos de atención temperá.

Exporá tamén elaborar unha estratexia de prevención e abordaxe integral da soidade non desexada; e crear un comité de ética dos servizos sociais de Galicia, un órgano "consultivo e colexiado" que exercerá as súas funcións de forma autónoma.

MODIFICACIÓNS

Entre as principais modificacións realizadas en artigos que xa existían, despois de ter en conta as alegacións, é preciso destacar que, en relación á Administración local, considérase o esforzo económico en función da capacidade de cada concello, para que cada municipio desenvolva políticas demográficas na medida das súas posibilidades.

Así mesmo, inclúese "de forma expresa" que se facilite ás persoas máis vulnerables o acceso á oferta formativa, especialmente das que teñan outras persoas a cargo e incorporaranse na lei programas de recuperación de vivendas baleiras; e promóvese a participación dos concellos no apoio ás familias monoparentais.

Do mesmo xeito, as prestacións e axudas fixaranse en función da situación familiar e tamén do número de fillos; establecerase unha prórroga dun ano das prestacións en situacións de "especial vulnerabilidade"; e aplicarase un trato diferenciado ás familias con nenos ou persoas dependentes a cargo.

Contempla que se establezan bonificacións para o transporte; ampliarase ata a maioría de idade dos fillos do persoal do sector público autonómico o acceso á flexibilidade horaria; e os programas de acollemento de persoas refuxiadas ou inmigrantes adaptaranse ás necesidades específicas do rural.

Na mesma liña, promoverase o consumo de produtos de proximidade nos servizos da Xunta; a teleasistencia avanzada será accesible e adaptada ás circunstancias específicas dos usuarios; e a futura estratexia de impulso demográfico someterase previamente á súa elaboración ao informe do Parlamento.

INVESTIMENTO DE 700 MILLÓNS AO ANO

Feijóo ratificou que se prevé un investimento de máis de 700 millóns de euros ao ano para executar as diversas medidas que contempla o texto e que empezarán a introducirse xa en paralelo á tramitación da lei.

"O importante é que Galicia pode converterse na primeira Comunidade en ter unha lei de impulso demográfico", destacou Feijóo como conclusión, ao que engadiu que "as políticas demográficas non son optativas, son obrigatorias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta