A oposición denuncia o "aparello de propaganda do PP" co aumento de partidas para a CRTVG e medios privados

O PSdeG denunciou que a Secretaría Xeral de Medios se usa como un "departamento de propaganda", mentres que o BNG sinala que se están "transvasando millóns de euros a medios de comunicación privados".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2019 | Actualizada ás 21:13

Comparte esta noticia

As partidas da Secretaría Xeral de Emigración crecen nos orzamentos da Xunta para 2020 un 8,7% ata 13,5 millóns de euros, cunha alza de axudas para retornados. O secretario xeral de Presidencia, Manuel Galdo, presentou este xoves no Parlamento as contas do seu departamento --do que dependen secretarías como Emigración, Medios e Deporte--, que se elevan ata 157 millóns (+4,5%).

En Emigración, as axudas para o retorno emprendedor multiplican por dous a súa dotación, chegando aos 400.000 euros, mentres que a Bolsa Excelencia Mocidade Exterior (con 150 bolsas) contará cun orzamento de 1.290.000 euros, o maior do tres edicións que se desenvolveron.

Entre outras, as axudas extraordinarias para persoas migrantes galegas retornadas ascenderán ata os 1,9 millóns de euros. Galdo explica que o orzamento de Emigración sobe un 8,7%, pero a alza é dun 12% se non se ten en conta a partida extraordinaria recollida en 2019 para celebrar o congreso de entidades.

Por outra banda, á CRTVG destínase 103 millóns de euros, mentres que para a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia van 115 millóns (+4%). A Secretaría Xeral para o Deporte leva máis de 25 millóns (+4,1%). Ademais, para a administración de xustiza outórganse 6,8 millóns para actuacións como a renovación de equipos.

CRÍTICAS OPOSICIÓN

No debate, Patricia Vilán denunciou que a Secretaría Xeral de Medios se use como un "departamento de propaganda", unido aos "incumprimentos" na CRTVG como a renovación da dirección ou a implantación do estatuto do profesional. A socialista tamén se preguntou "cando van desenvolver a lei de deporte de 2012", á vez que reprochou a Galdo que "non falou nada do deporte feminino". Xunto, a isto cuestionou "cantas" persoas hai de persoal eventual en Presidencia, xa que supoñen o "20%" do gasto do capítulo uno.

Luís Bará (BNG) lamentou que a Secretaría Xeral de Medios "ten un control absoluto" de toda a "propaganda" da Xunta, onde a CRTVG é unha das "pezas clave" para o "control, a manipulación e a utilización partidista", cun incumprimento "pornográfico" da lei de medios. Tamén alerta de que se están "transvasando millóns de euros a medios de comunicación privados".

Carmen Santos (Común da Esquerda) recriminou o gasto no "aparello de propaganda do PP", coa CRTVG como "órgano de expresión do PP en Galicia". "Temos no canto da TVG, a TV Feijóo", reprocha. Ademais, Santos denuncia que hai 5,7 millóns para medios privados como "contrato de compravenda de liña editorial" para "garantir a reelección" de Feijóo, o que considera que non é "decente democraticamente". Pancho Casal (Grupo Mixto) reprochou que os importes para os emigrados e para que os mozos poidan volver son "insuficientes". Ademais, considera que os fondos para medios e a CRTVG deben funcionar de forma "máis transparente".

En cambio, Alberto Pazos Couñago (PP) lembrou á oposición que "hai que chegar a un acordo" para renovar a dirección da CRTVG, ao que están "dispostos". "Estamos a esperar", apuntoulle aos outros grupos. Na súa quenda de réplica, Galdo xustificou que non se fai unha relación de postos eventuais porque é persoal "non fixo". Ademais, defende que no bipartito destinábase un "47% máis de crédito orzamentario" para iso. Tamén remarca que houbo un aforro de 8,7 millóns en gastos de protocolos e estudos técnicos no acumulado desde o ano 2009.

Parlamento
Parlamento | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 torre

pois sras e sres do psoe e bng un pouquiño de coherencia; pq ven que lle facedes a pelota ó mafioso da coruña. en vez de denuncialo públicamente. e ven que lle rides as gracias a pesares de que sempre vos pon a parir día sí e día tamén. e das millonarias subvencións que leva continuamente dos cartos de tódolos galegos