Tellado ve "un paso positivo" exhumar a Franco, aínda que "probablemente non era o momento"

Tellado: "Onte asistimos a un acto de campaña, a unha cortina de fume para non falar de temas importantes" como a situación económica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2019 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou este venres que a exhumación dos restos de Francisco Franco é "un paso positivo", aínda que matizou que "probablemente este non era o momento" e engadiu que, baixo o seu punto de vista, debería facerse "hai décadas".

Preguntado acerca de que gobernantes deberían impulsar esta exhumación --posto que polo Goberno central pasaron dirixentes populares (como José María Aznar e Mariano Rajoy) e socialistas--, Tellado remarcou, sen concretar: "os que gobernaron hai décadas".

En rolda de prensa, circunscribiu que a exhumación se producise na pasada xornada ao "interese electoral" do "candidato Sánchez", en relación ao líder do PSOE e presidente en funcións do Goberno central. Todo iso, antes de remarcar que é "extemporáneo".

Previamente, Tellado defendera que aos populares lles preocupa "moito" ter un Goberno central, con Pedro Sánchez á fronte, "permanentemente pensando no pasado porque non ten solucións para os problemas do presente nin proxecto para o futuro".

"Onte asistimos a un acto de campaña, a unha cortina de fume para non falar dos temas importantes que afectan á vida das persoas", sentenciou, antes de lembrar que, coincidindo coa exhumación, fixéronse públicos datos do paro que ratificaban o que o PPdeG dicía "desde hai semanas ou meses" que hai "unha freada" derivada da "situación de incerteza" que xera o Executivo estatal.

"MAL GOBERNO PARA A ECONOMÍA"

"Non foi casual que a exhumación de Franco se producise o mesmo día que saía unha EPA que deixa ao descuberto as miserias do PSOE. Este é un mal goberno para o emprego, a economía e a industria", aseverou, para engadir que a Sánchez "lle interesa falar de calquera tema" mentres non se fale "dos problemas reais".

Neste sentido, sinalou que desexaría que Sánchez "se tomase coa mesma preocupación" e "a mesma celeridade" que a exhumación de Franco "os problemas da economía, o sector naval de Ferrol, a fábrica de Endesa nas Pontes, ou a culminación do AVE a Galicia, xa que hai unha débeda histórica coa nosa comunidade".

O secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, en rolda de prensa.. PPDEG
O secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, en rolda de prensa.. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta