Profesionais de coidados paliativos piden á xente que proteste: "necesitan coidados especiaizados que non teñen"

Animan á sociedade a "reclamar" melloras nesta asistencia porque hai unhas 80.000 persoas afectadas. Puntualizan que loitan "para dar vida no proceso final da vida".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2019 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

Médicos de coidados paliativos demandan unha regulación "homoxénea en todo o territorio nacional" español e máis dotación para os equipos por estar "infradotados".

Así o manifestaron na rolda de prensa con motivo da celebración en Santiago de Compostela das XIII Xornadas Internacionais da Sociedade Española de Coidados Paliativos (Secpal) e o IX Xornadas da Sogacopal, organizadas en colaboración coa Associaçao Portuguesa de Coidados Paliativos (APCP).

O presidente da Secpal, Rafael Mota, explicou que "as necesidades son moitas" no ámbito dos coidados paliativos, porque "non é igual onde viva unha persoa para recibir unha boa atención", comentou en relación á dispersión poboacional. É por iso, que demandan unha regulación para toda España.

Ademais, reivindicou o labor dos equipos de paliativos fronte ao "medo que teñen" algunhas persoas "a recibilos" porque "os confunden coa morte". "Loitamos por dar vida no proceso de final da vida", afirmou o doutor Mota.

Preguntado sobre a importancia que lle dan aos coidados paliativos nos programas electorais con motivo dos comicios do 10 de novembro, Rafael Mota lamentou "que se fala pouco e, ás veces, confúndense termos".

Así, incidiu en que "hai moitas necesidades" porque estiman que unhas 80.000 persoas en España "necesitan coidados especializados" pero "non ten posibilidade de recibir paliativos porque non hai equipos especializados".

Nesta liña, o responsable de Coidados Paliativos do Hospital Austral de Buenos Aires, Matías Najún, apuntou que en Arxentina só un de cada dez pacientes que os necesitan reciben coidados paliativos. "A percepción é que a demanda crece e cada vez hai máis equipos", valorou, á vez que recoñeceu que "depende de onde viva a persoa".

COMUNIDADES

Sobre a situación en España, o doutor Mota comentou diferenzas entre comunidades autónomas. En concreto, resaltou o traballo feito por Madrid, Baleares e Cataluña en materia de coidados paliativos, pero admitiu que "queda moito". En relación ao caso concreto de Galicia, o presidente do comité organizador e da Sociedade galega de coidados paliativos, Marcelino Mosquera, destacou que os equipos que hai nos hospitais están "infradotados".

Por iso, tras valorar a aposta pola atención a domicilio en Galicia por parte da Xunta, o doutor Mosquera incidiu en que "o seguinte paso son o desenvolvemento dos coidados paliativos". "Está todo nun caixón", lamentou, para abundar que "a poboación o está demandando". Por iso, admitiu que "falta moito desenvolvemento aínda".

Sobre todo, sinalou a dispersión como "o problema de Galicia". Aínda que valorou a ampliación da atención a domicilio en Galicia, considerou "que vai ser imposible" a cobertura do 100%. "Hai moitos profesionais que están ao límite e a Atención Primaria está sobrecargada", resaltou.

Equipo Voluntarios Paliativos no CHUAC
Equipo Voluntarios Paliativos no CHUAC | Fonte: Equipo Voluntarios

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta