Temas: BBVA

Galicia situarase á cola do crecemento en España, segundo un informe de BBVA Research

O estudo prevé unha "desaceleración xeneralizada" da actividade en todo o Estado.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/10/2019 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

Canarias (+1,6%), Castela e León (+1,5), Galicia (+1,5) e A Rioxa (+1,5%) serán as comunidades que menos crecerán este ano, no marco dunha "desaceleración xeneralizada" da actividade a nivel territorial. Así se desprende do último observatorio rexional de BBVA Research, correspondente ao cuarto trimestre e elaborado polo servizo de estudos da entidade.

Estaleiro de Barreras
Estaleiro de Barreras | Fonte: © Miguel Núñez.

O informe explica que a desaceleración do gasto dos fogares, o freo das exportacións de servizos turísticos e o menor impulso da demanda europea apuntan un menor crecemento das comunidades autónomas, en liña con España.

No entanto, augura que seguirán liderando Madrid (+2,6%), Castela-A Mancha (+2,1%) e Navarra (+2%), seguidas de Murcia (+2,3%), Andalucía, Aragón e Comunidade Valenciana (+2% no tres casos)

Para 2020, as previsións do Servizo de Estudos de BBVA apuntan a que Madrid (+2,2%), Navarra (+1,8%), Castela-A Mancha (+1,7%), Cantabria (+1,7%) e País Vasco (+1,7%) poderían crecer por enriba do 1,6% esperado para España. Igualando a media estatal estarán Andalucía, Aragón, Cataluña e Estremadura, mentres que por baixo figurarán Castela e León (+1,5%), Galicia (+1,5%), A Rioxa (+1,5%), Comunidade Valenciana (+1,4%), Murcia (+1,4%) e Asturias (+1,3%).

Pola súa banda, Canarias (+1,1%) e Baleares (+1,2%) serán as rexións menos dinámicas o próximo exercicio e o noroeste volverá crecer por baixo da media. BBVA Research estima que España crecerá un 1,9% este ano e un 1,6% o próximo.

DESACELERACIÓN DO CONSUMO DOMÉSTICO

O informe explica que a perda de vigor do gasto dos fogares supón unha debilidade maior que a esperada na demanda interna, aínda que non é homoxénea, xa que a retardación do consumo está a ser moi acentuada en Cantabria, o centro peninsular (Estremadura, Castela e León, Castela-A Mancha), ademais das comunidades insulares e A Rioxa, nas que o gasto mesmo se contrae no que vai de ano.

Pola contra, o consumo nas comunidades mediterráneas do sueste e algunhas do norte mantén o seu dinamismo, e mesmo se acelera respecto ao ano pasado en Murcia e Galicia. O mellor comportamento do consumo nestes territorios débese á evolución favorable do turismo nacional, que actúa de soporte da actividade.

Ademais, permite manter crecementos do emprego aínda elevados, fronte á perda de tracción do mercado laboral que se observa en Canarias, A Rioxa e o centro peninsular.

Por outra banda, a desaceleración da demanda externa estaría a afectar ao crecemento das exportacións, o que impide a mellora do sector industrial, aínda que se observan comportamentos heteroxéneos entre as comunidades autónomas. Así, as exportacións redúcense en Cantabria, A Rioxa, Castela e León e o País Vasco, mentres que en Navarra, Estremadura, Madrid e a Comunidade Valenciana a produción industrial estaría a reflectir o bo pulso das vendas de bens.

Entre tanto, a menor demanda europea e a recuperación de destinos mediterráneos, que cederan visitantes por tensións xeopolíticas, explican a retardación do turismo exterior nos principais destinos españois e, en particular, nas illas. O anterior trasládase a un crecemento media trimestral nulo do gasto de non residentes para o conxunto de España no que vai de ano.

Para 2020, BBVA Research prevé un contexto no que a demanda dos principais socios comerciais de España continuará débil, de forma que as comunidades do sur e algunhas do norte atópanse mellor situadas para afrontar os posibles riscos do sector exterior, grazas á vantaxe competitiva que acumularon no últimos oito anos.

INCERTEZA INTERNA E EXTERNA

No escenario global, BBVA Research sinala que o Brexit representa un dos riscos máis evidentes. As comunidades que poderían verse máis afectadas son Baleares e Canarias, onde o gasto de turistas británicos supón algo máis do 10 por cento do PIB rexional, e Murcia e Galicia, nas que as exportacións de bens a Reino Unido superan o 2 por cento do PIB.

A isto súmase o aumento das tensións comerciais, que tamén condiciona a evolución do sector exportador. En conxunto, os produtos que se exportan afectados pola guerra comercial entre Estados Unidos, China e a UE supoñen xa máis do 20 por cento do PIB en Navarra e Castela e León, pero a imposición de aranceis por parte de Estados Unidos nalgúns produtos fai que tamén as CCAA con exportacións máis envorcadas cara a produtos alimenticios "poidan verse afectadas por esta incerteza".

A nivel interno, "o atraso na toma de decisións que afectan as reformas necesarias para garantir un crecemento máis inclusivo e estable, e a inestabilidade política, xunto co recente aumento da tensión en Cataluña, son sonos os principais factores de risco", advirte.

Temas: BBVA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta