Feijóo: "Pedro Sánchez prometeu cumprir co AVE a Galicia pero esqueceu un pequeno detalle, dicir cando"

O presidente da Xunta ironiza sobre as declaracións realizadas polo presidente do Goberno central sobre a chegada da alta velocidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2019 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ironizou este luns sobre as declaracións realizadas onte domingo por Pedro Sánchez sobre o tren de alta velocidade a Galicia. "Esqueceu un pequeno detalle. Dixo que cumpriría co AVE pero non dixo cando".

Feijóo
Feijóo | Fonte: Europa Press

Así o manifestou desde Vilagarcía de Arousa, onde lembrou que Sánchez non contestou nin á pregunta de cando concluirán as obras do AVE a Galicia, que estaban comprometidas para finais de 2019, nin á de cando se poderán comprar billetes para o tren entre Madrid e Galicia.

Neste sentido, Núñez Feijóo recoñeceu que se alegraría moito de que "cumprise os compromisos que asumiu" na Moncloa, a finalización das obras en decembro de 2019 e a posta en servizo do tren ao longo de 2020.

"Pero neste momento, o único que se pode acreditar é que o AVE a Galicia vai ter atrasos" matizou, e lamentou que o presidente en funcións carece totalmente de credibilidade despois de incumprir ao que se comprometeu con Alcoa.

"Na anterior campaña, no mes de abril, prometeu que Alcoa tería unha solución para os problemas do prezo da electricidade. Estamos case en novembro e o comité de empresa acaba de denunciar que Alcoa está nunha situación límite", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta