Carmela Silva non comparecerá un ano máis no Parlamento para presentar os orzamentos da Deputación de Pontevedra

Volve apelar á "autonomía local" e exporá as contas nun pleno da semana que vén do ente provincial

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2019 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, non comparecerá un ano máis no Parlamento galego (onde non acudiu nin en 2017 nin en 2018) para presentar os orzamentos do ente provincial. Así llo trasladou Silva nunha carta remitida este luns ao presidente da Cámara galega, Miguel Santalices, na que volve apelar á "autonomía local" e sinala que as contas serán expostas no pleno do ente provincial do próximo 5 de novembro.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Europa Press

A comparecencia de Silva estaba prevista, xunto á dos máximos representantes das outras tres deputacións, para este xoves 31 de outubro.

Na carta a Santalices, a responsable do organismo provincial pontevedrés argumenta que, "en atención ao principio de autonomía local, as entidades locais non están supeditadas aos parlamentos autonómicos".

Alude á Constitución española e a un ditame do Consello de Estado e reivindica a autonomía local como "pedra angular da totalidade da lexislación básica e de réxime xurídico das entidades locais".

Por último, aproveita para sinalar que, "na procura do acordo e do consenso", estaría "encantada de poder reunirse co presidente da Xunta de Galicia, para trasladarlle a urxencia de realizar a transferencia dos servizos que presta a Deputación que non son competencias propias nin delegadas".

Segundo Silva, estes servizos "ascenden a máis de 16 millóns de euros" que, subliña, "poderíanse dedicar a garantir máis recursos para a cidadanía na provincia de Pontevedra".

O RESTO SI COMPARECERÁ

Pola súa banda, si comparecerán na Cámara os presidentes das deputacións da Coruña e Lugo, tamén presididas polo Partido Socialista, e o de Ourense, o popular Manuel Baltar.

Deste xeito, un ano máis, Valentín González Formoso, volverá comparecer na Cámara galega para dar conta do orzamento da Deputación da Coruña en referendo da disposición adicional terceira do Estatuto de Autonomía de Galicia.

En concreto, este punto sinala que "a Xunta coordinará a actividade das deputacións provinciais de Galicia en canto afecte directamente o interese xeral da comunidade autónoma, e para estes efectos uniranse os orzamentos que aquelas elaboren e aproben ao da Xunta de Galicia".

Pola súa banda, este xoves será a estrea do titular da Deputación de Lugo, José Tomé, no Pazo do Hórreo, tras a súa chegada á presidencia da institución provincial lucense, cargo que foi ostentado na última lexislatura polo alcalde da Pontenova, Darío Campos.

Aínda que Darío Campos si acudiu a render contas ao Lexislativo galego en 2018, en 2017 secundou o plante de Carmela Silva e non compareceu na comisión de economía, facenda e orzamentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

ADIVIÑA adiviñanza o que teño na panza ? https://twitter.com/GamelaNova/stat...

1 Gamela

Que non vaia ao Parlamento importa nada... Pero que non quera ir traballar a Pontevedra e pretenda ROUBAR o Centro de Fotografía (aínda sen inaugurar) para montar o seu despacho en Vigo !!! Eso xa é o colmo desta caradura de trepa socialista! Pagámoslle 5.400 € / mes e nin siquera se move do chalet de Toralla (?) Eso sí bloquear as contas da xente faino de marabilla !!! Esta muller é un bo exemplo do fracaso do feminismo de salón !!! https://twitter.com/GamelaNova/stat...