O PSdeG acusa a Xunta de "dar as costas" nas súas contas a concellos socialistas

Os alcaldes dos municipios de Cuntis e Caldas mostran o seu malestar fronte ao que consideran un "trato vexatorio" por parte da Xunta.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 29/10/2019 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou ao Goberno da Xunta de "dar as costas" nos seus orzamentos a concellos gobernados polos socialistas como os de Cuntis e Caldas de Reis, ambos na provincia de Pontevedra.

"O Goberno de Feijóo durante 11 anos deulle as costas aos veciños de Cuntis e Caldas, e son os alcaldes socialistas destes dous concellos os que sacan adiante as políticas para paliar o déficit de investimento da Xunta, para resolver os problemas que a Xunta debería de resolver e que non fai", manifestou.

En declaracións aos medios antes de reunirse cos rexedores de ambas as localidades, Gonzalo Caballero asegurou que os orzamentos autonómicos presentados pola Xunta para 2020 "fallan" a Cuntis e Caldas en infraestruturas, en investimentos en sanidade, así como nas políticas sociais.

Fronte a iso, avanzou que "cando haxa eleccións autonómicas" o Partido Socialista estará "en condicións de darlle a Galicia un goberno de progreso que terá que resolver todo aquilo que en 11 anos o PP non resolveu nestes concellos".

"O Goberno de Feijóo vendeu mercadotecnia e moita publicidade pero non resolveu os problemas da cidadanía", censurou Gonzalo Caballero na súa visita a Caldas de Reis.

ALCALDES

Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, mostrou o seu "malestar" co proxecto de orzamentos presentado pola Xunta de Galicia que, na súa opinión, "reitera un tratamento vexatorio" por parte do Goberno galego ao seu municipio.

Así, entre outras cuestións, lembrou que "desde hai tempo" o Concello de Caldas reclama á Xunta a construción dun novo centro de saúde, infraestrutura para a que lle ofreceu á administración autonómica "reiteradamente leiras". "A última á altura da escola taller, parece que lle debe de valer porque non contestaron", asegurou nunha intervención na que lamentou que as contas autonómicas non reserven "nin un só euro" para esta actuación.

Ademais, o rexedor de Cuntis, Manuel Campos, censurou que "un ano máis" estes orzamentos non destinen "nin un duro" a este municipio pontevedrés. "É triste que un pobo teña a desgraza de nin aparecer", asegurou.

Respecto diso, argumentou que o Consistorio que dirixe ten que abordar directamente cos Estado temas que son competencia da Xunta como o chan industrial para "poder dotar a Cuntis dun polígono".

Tamén indicou que o Concello traballa co Executivo estatal para tentar declarar o saneamento de Cuntis como "de prioridade estatal" dada a situación na que se atopan as augas do Umia.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na súa visita a Caldas de Reis. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na súa visita a Caldas de Reis. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta