En Común e o BNG, en pé de guerra contra o plan de cobertura da CRTVG para a campaña electoral

As dúas formacións denuncian a intención do PP de "minimizar" e "ocultar" estas eleccións e deixar sen voz á oposición. Anuncian que recorrerán ante a xunta electoral este proxecto de "TeleFeijóo"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2019 | Actualizada ás 21:10

Comparte esta noticia

Un debate electoral a media mañán, escasa cobertura de actos electorais, sen entrevistas aos candidatos e unha tradicional pegada de carteis que só se poderá ver na segunda canle da TVG. Este é parte da proposta de cobertura das eleccións do10 de novembro na CRTVG. Unhas propostas que non pasaron desapercibidas para os grupos da oposición, principalmente En Común da Esquerda e o BNG, que anuncian recursos. 

Debate electoral na TVG
Debate electoral na TVG

Segundo o plan de cobertura que o ente público, será o informativo matinal da TVG “Bos Días” o que acollerá o venres 8 de novembro o debate electoral a partir das 10.00 horas. Un debate que, aínda que se celebre a dous días dos comicios, non será en horario de máxima audiencia, senón en horario laboral.  O debate terá unha duración aproximada dunha hora e volverase retransmitir ese mesmo día na TVG2 xa en horario "prime-time”. 

A cobertura electoral dividirá o tempo en función dos resultados das pasadas eleccións xerais, cando o PSdeG obtivo 10 escanos, o PP 9, En Común-Unidas Podemos 2 e Ciudadanos tamén 2. E, aínda que non tivera representación, o ente público terá en conta ao BNG pola súa condición de “forza política significativa”, atendendo os seus resultados nos comicios locais, cando obtivo 12,47% dos votos.

CRÍTICAS

Pero este plan non é aceptado polas forzas da oposición, principalmente, En Común e o BNG, que denuncian o intendo do PP de "minimizar" estes comicios e "ocultalos". Fontes de En Cómun da Esquerda consultadas por GC din que a proposta da CRTVG "vulnera brutalmente o dereito da cidadanía galega a ter cumprida información sobre as propostas das formacións políticas no periodo electoral, así como os principios máis básicos de pluralismo ideolóxico, político, social e cultural de Galicia".

Así, esta formación lembra que, como organismo público, a CRTVG está obrigada a unha correcta retransmisión e información dos actos electorais. "Non dar entrevistas coas candidatas, nin un debate en horario de máxima audiencia, nin cubrir a apertura de campaña, é unha violación deses dereitos e unha burla intolerable ao dereito das cidadás galegas a formarse unha opinión propia sobre a oferta electoral", apuntan estas fontes.

RECURSOS

Por iso, os anuncian que os seus servicios xurídicos están estudando tanto o contido do plan como a xurisprudencia da Xunta Electoral Central e das Xuntas Electorais Provinciais , así como os plans de cobertura do resto de televisións autonómicas do Estado, para "formalizar un recurso con garantías de gañar e de obrigar á CRTVG a repoñer a legalidade".

Tamén o BNG recorreu ante a xunta electoral da provincia da Coruña a cobertura informativa xa que considera que o plan de cobertura  "non cumpre co deber como medio público de garantir o pluralismo político e social". Así, segundo recolle un comunicado emitido na tarde deste martes, o Bloque considera que a dirección da CRTVG incumpre a súa propia normativa ao expor unha cobertura das eleccións que "non contribúe á formación dunha opinión pública informada".

"A TVG é cada vez menos a televisión de Galicia e é cada vez máis TeleFeijóo", asegurou o coordinador de campaña da formación frontista, Rubén Cela, que lamenta a "utilización partidista" que, di, realiza o Partido Popular cos medios públicos "convertidos nun gabinete de comunicación do Executivo de Feijóo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta