As oficinas de atención á vítima contarán cun traballador social a partir de novembro

Por E.P. | A CORUÑA | 29/10/2019 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou a incorporación dun traballador social a partir do mes de novembro ás oficinas de atención á vítima que se puxeron en marcha nas sete cidades galegas co obxectivo de ilas ampliando ao resto de partidos xudiciais.

Á "progresiva" posta en marcha das mesmas, referiuse o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a reunión da Comisión Mixta de Xustiza, celebrada no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) coa presenza tamén do presidente do alto tribunal galego, José María Gómez e Díaz-Castroverde.

Sobre estas oficinas, Rueda lembrou que que contan xa cun profesional da psicoloxía, ao que se sumará un traballador social no mes de novembro. "Para que calquera persoa en condición de vítima, atope acompañamento e asesoramento", expuxo Rueda.

Na reunión, tamén se acordou pór en marcha o proxecto 'Educar en Xustiza' coa finalidade de achegar a Administración de Xustiza á mocidade galega. "É un programa para achegar a xustiza aos alumnos de ESO e Bacharelato, cun procedemento previo de formación dos formadores", expuxo o presidente do TSXG.

PLAN DE INFRAESTRUTURAS

Con respecto ao Plan de Infraestruturas, Rueda aludiu ás obras de remodelación da futura Cidade da Xustiza de Vigo, para que estea lista no verán de 2020. Ademais, apuntou que este mesmo ano está previsto que terminen as obras dos xulgados de Tui (Pontevedra).

Por outra banda, aludiu á implantación das novas tecnoloxías para a dixitalización da Administración de Xustiza. "Queremos terminar o ano con máis de 30 novas salas dixitais implantadas, que se sumarían ao dez que están a funcionar", apuntou.

O conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, na Comisión Mixta de Xustiza
O conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, na Comisión Mixta de Xustiza | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta