Temas: PESCA

Máis dun terzo de fondos de Mar en 2020 van a competitividade e a oposición critica unha execución "sanguenta"

"É certo que a execución me gustaría que fose máis alta", admite Quintana, que o achaca a "dificultades" burocráticas da FEMP

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/10/2019 | Actualizada ás 19:52

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar terá en 2020 uns orzamentos de 167 millóns (+3,4%), dos cales máis dun terzo, 67 millóns, irán á competitividade e mellora da calidade da produción pesqueira e a acuicultura. Con todo, a oposición denuncia unha baixa execución deste departamento, que "é sanguento".

Golfiños arredor dun barco de pesca
Golfiños arredor dun barco de pesca | Fonte: BDRI.

Na súa comparecencia de presentación de orzamentos na Cámara, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xustificou que existe "un problema moi importante" para a execución do Fondo Europeo Martímo e de Pesca (FEMP), debido ás "dificultades" polos trámites administrativos e cuestións burocráticas.

"É certo que a execución me gustaría que fose máis alta", recoñeceu a conselleira, aínda que defendeu que está "moi por enriba que co bipartito", a pesar de que o anterior programa europeo "era máis sinxelo". "Veño coa cabeza bastante alta", afirmou.

En fronte, Xan Xove (Común da Esquerda) reprobou que en 2018 se deixaron sen executar "56 de 66 millóns" da partida de competitividade, o "85%" da "máis importante" da Consellería. A continuación, Patricia Otero (PSdeG) denunciou que en 2017 "quedaron sen executar seis de cada dez euros" do departamento.

Nesta liña, Montse Prado (BNG) reprobou a "neglixencia" de que "un ano e outro e outro" non executan os orzamentos, que quedan en "papel mollado". Así mesmo, Pancho Casal (Grupo Mixto) alerta do "dato preocupante" de que en 2018 quedou sen executar "o 48% do orzamento" do departamento, un total de 75 millóns.

PARTIDAS

Entre outras partidas das contas de 2020, Rosa Quintana expuxo a suba ata 27 millóns (+11%) para a transformación e comercialización do sector; así como un 33% máis para a comercialización, cun total de 11 millóns. Para a conservación de zonas marisqueiras van 6,5 millóns (+2%); mentres que hai dous millóns para a reinstalación de moluscos bivalvos.

Os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) contan en 2020 con 16 millóns de euros, un 12% máis. Nos últimos dez anos aprobáronse 850 proxectos neste campo.

As accións para aumentar a seguridade nos barcos soben un 20% (serán 600.000 euros). Quintana explicou que se aposta pola mellora da "habitabilidade" das embarcacións de cara a atraer máis novas ao sector. A adquisición de equipos portuarios para maior seguridade ten 6,5 millóns (un 9% máis).

Tamén haberá 50.000 euros en axudas para cubrir "as urxencias" de familias de mariñeiros falecidos ata que cobren as pensións públicas, nun fondo que será "ampliable".

ACTUACIÓNS EN PORTOS

O único capítulo que baixa nos orzamentos de Mar para 2020 é o de infraestruturas portuarias, aínda que Quintana explica que se debe a que entre 2018 e 2019 acumulou unha alza do 75%.

As actuacións que Portos ten previstas para 2020 pasan por: os dragados dos portos de Laxe e Celeiro, a reordenación interior de Ribeira, acabar os pantaláns de Cabo de Cruz, así como o segundo martelo do porto de Burela.

Tamén haberá obras como a edificación da lonxa de Canido, a construción de novos departamentos para usuarios no porto de Rianxo e a remodelación do bordo portuario de Porto do Son.

A lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta tamén conta cunha modificación "importante", co obxectivo de conseguir unha normativa "máis clara" e "maior seguridade xurídica" nos parámetros para establecer o espazo edificable nas parcelas portuarias. Busca "facilitar" proxectos e o asentamento de actividades nos peiraos.

MÁIS FONDOS PARA GARDACOSTAS, CETMAR E INTECMAR

Xunto a isto, expuxo que os fondos para a modernización de embarcacións de Gardacostas se elevan un 56%, ata superar o seis millóns de euros. Servirán para unha nova patrulleira lixeira e outra de altura que substituirá á 'Paio Gómez Chariño'.

Intecmar contará con 3,6 millóns (+8%), cun aumento do 7,5% en gastos de persoal pola creación de novas prazas para a unidade de control de biotoxinas. O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) contará con 4 millóns de euros, como "ferramenta fundamental" para accións de I+D+i, erradicación de plásticos e aproveitamento de descartes.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Tras botar en falta "autocrítica" por parte da conselleira, Patricia Otero (PSdeG) reprochou o "brinde ao sol" que supoñen as contas, posto que o dragado de Celeiro xa "se prometeu en 2011" e o segundo martelo de Burela "era unha promesa cada vez que había un proceso electoral á vista".

Xan Xove (Común da Esquerda) urxiu a actuar en favor da incorporación de mozas, así como para establecer compensacións para vedas e recuperar o seguro de mal tempo. Tamén botou en cara a Mar "todas óbralas mil veces prometidas sen facer" nunha década "perdida".

No debate, Montse Prado (BNG) fixo balance de que a "destrución de emprego e embarcacións non fixo máis que crecer" con Rosa Quintana na última década. Alerta de que hai 3.551 persoas menos afiliadas en Galicia ao réxime especial do mar.

Pancho Casal (Grupo Mixto) lamenta que a pesca e o marisqueo "xa non é unha prioridade para o señor Feijóo" e "dá este sector por amortizado e sen moito futuro", dado que conta con orzamentos 63 millóns inferiores "en termos reais" a 10 anos antes.

En contraposición, Teresa Egerique (PP) resalta que o sector do mar "é unha prioridade" para a Xunta, xa que o seu orzamento "non é dos máis pequenos" das consellerías. Ademais, puxo en valor que Rosa Quintana "leva 11 anos coa cabeza ben alta defendendo ao sector do mar".

RÉPLICA DE ROSA QUINTANA

Nas súas réplicas, Rosa Quintana sinalou que a perda en dez anos de 480 barcos en Galicia, "polo proceso de regularización", é menor que as 538 embarcacións que desapareceron entre 2005 e 2009, co bipartito.

Tamén subliñou que en 2017 e 2018 se conseguiron datos "históricos" en volume de descarga e facturación, mentres creceron os TAC un 90% desde 2009. Xunto a isto, a conselleira valora que o número de afiliados se atopa "estabilizado" esta lexislatura na contorna das 21.000 persoas.

Temas: PESCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta