Pontón (BNG): "Somos unha forza pacifista que só utilizamos unha vía... o diálogo"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, condena a violencia das manifestacións en Cataluña nunha entrevista en La Voz de Galicia. Asegura que o Bloque é unha "forza á alza" tras ser preguntada polos datos do CIS que o deixan sen representación no Congreso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2019 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

"Somos unha forza pacifista que só utilizamos unha vía, que é a defensa das nosas ideas democraticamente, con diálogo. Iso está fóra de toda dúbida". Deste xeito, condenou Ana Pontón, secretaria xeral do BNG, a violencia dos manifestantes independentistas nas protestas de Cataluña.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG

Foi nunha nova entrevista en La Voz de Galicia --xornal moi crítico co procés e cos partidos independentistas cataláns-- na que a líder do BNG dixo que non cre que a "solidariedade" e o apoio do BNG a estes partidos en Cataluña lles afecte nos resultados do 10N. Unha entrevista que se produce logo de que o BNG asinara, xunto cos principais partidos nacionalistas e independentistas do Estado, unha declaración na que aposta pola autodeterminación e a liberdade dos presos políticos.

"Non creo que a nosa solidariedade con Cataluña nos afecte en Galicia; ao contrario, estamos asistindo a un aumento da nosa conciencia como país", suliñou tras insistir la Voz de Galicia en preguntar se o Bloque condena os actos de violencia dos manifestantes. 

"O BNG mantén o seu apoio público ao independentismo. Pode pasarlle iso factura nos obxectivos electorais nunha comunidade como a galega, cunha baixa conciencia nacional?", preguntoulle La Voz. "Sempre fomos moi claros con este asunto. É un problema político, e agora é o momento da política, do diálogo. Non é momento da represión", respondeu Pontón.

"REPRESIÓN"

"A que represión se refire?", pregunta o xornalista. "Á que se exerce sobre unha cidadanía que expresa a súa opinión nas rúas sobre unha sentenza. O PP tamén ten cuestionado fallos xudiciais... As forzas estatais non poden seguir negándose a ir a unha solución dialogada. E iso é un suicidio", responde Pontón. "Miles de persoas saíron pacificamente á rúa, sen ningún problema, pero outros protagonizaron incidentes moi violentos. Condena vostede esa violencia?",  insiste o xornal.

"Os propios partidos nacionalistas desmarcáronse dese tipo de actuacións. Xa o dixeron. Esta é unha loita democrática, pacífica, protagonizada por unha cidadanía que está a reclamar dereitos. Estase a magnificar esa violencia cuns obxectivos", di Pontón. "Pero vostede condénaa?", volve preguntar o comunicador. "Por suposto. Somos unha forza pacifista que só utilizamos unha vía, que é a defensa das nosas ideas democraticamente, con diálogo", acaba respondendo Pontón ante a insistencia do medio.

O BNG, "EN ASCENSO"

Por outra banda,  Pontón, asegurou que as enquisas "marcan tendencia" e que o que se está vendo é que "o BNG é unha forza política á alza" polo que os galegos volverán ter "voz" propia no Congreso a partir do 10 de novembro.

A líder dos nacionalistas galegos pronunciouse deste xeito ao ser preguntada polos resultados do último barómetro do CIS coñecido o martes e que deixa ao BNG sen representación na Cámara baixa tras os próximos comicios xerais.

Respecto diso, Pontón lembrou que o propio responsable do CIS recentemente pedía "nun artigo" o voto para o Partido Socialista. "En fin..., o que dicimos sempre desde o BNG é que as enquisas marcan tendencia, e o que estamos a ver en todas é que o Bloque é unha forza política á alza, que sobe, que suma", apuntou.

GRATUIDADE DA AP-9

A líder do BNG, Ana Pontón, participou este mércores nunha marcha de camións polo tramo da AP-9 que une Arteixo e Santiago de Compostela para volver reivindicar a gratuidade da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, e o traspaso da súa titularidade a Galicia.

Acompañada polo 'número uno' do Bloque ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, e do presidente da federación galega de transportistas Fetram, Antonio Señarís --que viaxaron noutros dous camións--, Pontón lembrou que nos últimos anos os gobernos de "un e outra cor" tiveron "o mesmo comportamento coa AP-9".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta