Marta González acusa de "deslealdade" a Galicia ao Goberno de Sánchez e lamenta "o atraso" do AVE

A cabeza de cartel dos populares ao Congreso pola provincia da Coruña tamén cualificou ao goberno Sánchez de "irresponsable que gasta o que non ten, queda co diñeiro das comunidades e é nocivo para Galicia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2019 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

A cabeza de cartel dos populares ao Congreso pola provincia da Coruña e ex vicesecretaria xeral de Comunicación do PP, Marta González, augurou que os socialistas pagarán nas urnas en Galicia a "deslealdade" do Goberno de Sánchez poñendo como exemplo varias cuestións, entre eles o "atraso" do AVE.

Nun almorzo informativo organizado polos populares composteláns, no que tamén participou o presidente da xestora local, Borja Verea, González tachou ao Goberno de Sánchez de "desleal" con Galicia, con ministros que "veñen e van, reúnense con Gonzalo Caballero, pero non cos conselleiros nin co presidente galego", Alberto Núñez Feijóo.

"É un Goberno irresponsable que gasta o que non ten, queda co diñeiro das comunidades e é nocivo para Galicia, a provincia e Santiago", sentenciou e puxo o foco en cuestións como o novo "atraso" do AVE, do que alertou a Xunta e que o Executivo central rexeita.

Preguntada acerca de por que pon o foco no Goberno de Sánchez pero non nos atrasos con anteriores Executivos, algúns do PP, a candidata replicou que, con Mariano Rajoy na Moncloa, a Xunta estaba "puntualmente informada de atrancos e avances".

"Agora falamos do final. O demais é historia; falamos dun proxecto consolidado que depende exclusivamente da vontade dun Goberno que non ten interese", defendeu, antes de subliñar que a alta velocidade na súa conexión coa Meseta é fundamental para o próximo Xacobeo de 2021.

Tamén lamentou que se bloquearan as conversas sobre a transferencia a Galicia da AP-9 e que non se avance na finalización da autovía Santiago-Lugo, ademais de atribuír responsabilidades ao Executivo central na crise industrial que afecta á comunidade coa difícil situación da central de Endesa nas Pontes ou Alcoa, en San Cibrao.

Marta González (PP)  Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo
Marta González (PP) Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta