O CCG traballará durante un ano para abordar a xestión do patrimonio e estudar o acceso dos mozos á cultura

A presidenta da entidade, Rosario Álvarez, explicou que os orzamentos da institución son "continuistas", no marco dos do ano anterior.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/10/2019 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega (CCG) dedicará os próximos 12 meses a promover un foro interdisciplinar para, a través de mesas de traballo e encontros, realizar unha análise profunda da xestión e a protección do patrimonio galego, unha cuestión coa que esperan concluír nun documento que sexa "aplicable" na materia.

Así o explicou este mércores a presidenta da entidade, Rosario Álvarez, que compareceu en Comisión Parlamentaria para falar dos orzamentos da institución de cara a 2020, ano no que contará con algo máis de 2,7 millóns de euros.

No ámbito económico, Álvarez explicou que se trata duns orzamentos "continuistas", no marco dos do ano anterior e que se sitúan "lonxe de alcanzar as cotas de 2008", para o que se necesitaría "medio millón" máis.

A variación con respecto ao ano anterior, precisou, obedece sobre todo ao incremento no capítulo 1, o de persoal, por "a antigüidade" e o recoñecemento dos "dereitos dos traballadores", conseguindo un aforro en materias como un menor gasto en recursos propios grazas a convenios externos ou en bolsas.

OBXECTIVOS EN 2020

De face a 2020, Rosario Álvarez asegurou que desde o CCG non se concibe unicamente como "a véspera do ano 21", no que xa están "todas as cabezas pensantes da cultura". "Queremos que o 20 sexa un ano con entidade propia", dixo a presidenta do CCG, que mencionou actividades ao redor de figuras como Concepción Arenal, o centenario de Ricardo Portela, a Revista Nós, Luís Seoane, que será homenaxeado en Buenos Aires, ou Ricardo Carballo Calero, autor protagonista das próximas Letras Galegas.

A maiores, Álvarez explicou que os dous grandes eixos de traballo nos que se envorcará a institución o próximo ano son o patrimonio e o acceso dos mozos á cultura. En relación ao primeiro, desde o Día Internacional do Patrimonio deste ano, o próximo 16 de novembro, ata o de 2020, o CCG desenvolverá o 'Foro Patrimonio e Sociedade', que pretende ser "un ano de traballo" no que, implicando a todos os sectores, se logre facer unha análise e unha reflexión sobre a xestión do patrimonio.

Para iso, avanzou Rosario Álvarez, desenvolveranse mesas sectoriais de debate que, co avance dos meses, irán pondo en común datos para chegar a "sínteses parciais" e a un informe final que, confía, sexa "aplicable" en Galicia.

A responsable do CCG lembrou que "hai un gran risco" en relación ao patrimonio galego, que fai necesario revisar "ata que punto as normas actuais" son "suficientes" para "salvagardalo", así como cales son "os puntos de escuridade", de "solapamento" ou os "baleiros de competencias" na materia, un proceso ao que convidou a participar a todos os sectores.

CULTURA E MOCIDADE

Despois de centrar boa parte da súa actividade en 2019 á igualdade e o enfoque de xénero na cultura, Rosario Álvarez avanzou que o CCG centrará tamén o seu labor o próximo ano na igualdade "de idade", concretamente no acceso dos mozos á cultura.

"Imos dedicar especial atención a que cultura se destina aos máis novos e que acceso teñen á cultura", dixo a presidenta do Consello, que apostou por democratizar o acceso á cultura tamén neste ámbito.

A maiores, avanzou que se elaborará un informe sobre lingua e infancia, tendo en conta non unicamente o ámbito educativo, se non o social, o familiar e o de lecer. "A maior parte dos mozos que non falan galego é porque llo quitaron antes, cando eles aínda non estaban en condición de decidir. Non cambian a lingua sendo mozas, se non sendo nenos, cando alguén a abandona por eles", dixo Álvarez nun primeiro diagnóstico sobre a cuestión.

Finalmente, como conclusión, a presidenta do CCG destacou que a entidade seguirá traballando en cuestións como a emigración, a proxección exterior, os lazos coa lusofonía, os novos soportes, a danza ou os desafíos ambientais.

BALANCE DE 2019

En canto á actividade de 2019, na que o CCG consumiu o 90 por cento do seu orzamento, Rosario Álvarez mencionou a organización de máis de 60 actividades entre foros, conferencias ou encontros que "involucraron a unha gran cantidade de persoas" da maior parte do tecido cultural galego.

Tamén se realizaron 35 itinerancias de sete exposicións e promovéronse tres mostras novas, dúas de temática migratoria ('A Habana. O soño cubano da emigración galega' e 'As benvidas') e 'Inventio Mundi', dedicada á epopea dos navegantes galegos nos séculos XV a XVII, que se inaugurará proximamente en Pontevedra.

A maiores, a presidenta destacou as publicacións, cada vez máis en liña, cunha temática variada, como o primeiro volume dunha colección de clásicos da emigración ou unha homenaxe ao autor protagonista das Letras Galegas deste ano, Antonio Fraguas.

Finalmente, Rosario Álvarez referiuse a o labor de asesoría e de elaboración de informes desta entidade, con documentos como unha análise da situación laboral das mulleres nas artes escénicas, perspectiva feminista nos arquivos ou da emigración galega.

LEI DE REHABILITACIÓN

No capítulo dos informes sobre normas ou leis, grupos da oposición preguntaron á presidenta do CCG pola ausencia dun informe deste organismo á Lei de Rehabilitación, aínda cando esta norma "afecta o patrimonio cultural".

Na súa resposta, Rosario Álvarez apuntou que, aínda que a sección de patrimonio do Consello estaba "moi atenta a esta cuestión", o informe "non foi solicitado" pola Xunta. Máis en concreto, a presidenta precisou que se celebraron "xornadas e análises" sobre rehabilitación de centros históricos para emitir este informe, pero non foi requirido.

"Estabamos moi preparados para poder intervir", dixo Rosario Álvarez, que explicou que cando tiñan "o informe practicamente acabado", a lei "xa estaba no Parlamento". Con posterioridade, o Consello Internacional de Monumentos e Sitios "solicitou un informe sobre a materia", que foi entregado polo Consello en xullo. "Tamén llo remitimos ao presidente da Xunta, pero ata agora non tivemos máis participación neste asunto", dixo.

UN ORZAMENTO "EXIGUO"

Tras agradecer a exposición de Rosario Álvarez, os grupos galegos da oposición coincidiron en criticar por "exiguo" o orzamento do CCG para o próximo ano, que crece un 2,9% con respecto ao actual.

Así o dixo a deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez, que viu un desequilibrio entre o diñeiro que destina a Xunta a esta entidade e "a importancia da institución", mentres que Luís Bará (BNG) eloxiou o "gran labor" que realiza, incidindo na relevancia de cuestións como a protección do patrimonio ou a lingua.

Na súa intervención, a deputada do Grupo Común da Esquerda Anxos Cuña afeou que a "recuperación xeral" dos orzamentos en Galicia "non se reflictan" no Consello, un "organismo moi importante" que se "enfronta con moita congruencia" aos retos que ten.

Finalmente, o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga incidiu no labor en materia de emigración e de igualdade do CCG e reclamou unha maior análise da relación entre a cultura e o mercado.

A deputada popular María Antón, aínda recoñecendo que o orzamento é "certamente pequeno", destacou que "vai consolidándose ano a ano tras os fortes recortes do sector público galego" e eloxiou ao equipo do Consello polo bo aproveitamento destes recursos.

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega | Fonte: culturagalega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta