GC Aberto

Os asasinos do autobús

Aquí reside o núcleo desta clase de sucesos lutuosos; mesmo máis relevante que a función reeducadora e de reinserción social que toda condena debería ter: ¿En que consiste a proporcionalidade da pena? Dende logo, ten a súa lóxica e a súa razón de ser que quen a ferro mata a ferro debe morrer, ou pasar o resto da súa existencia en prisión; lóxica e razón de ser que, con todo, non parecen aceptábeis no século XXI.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 05/11/2019

Comparte esta noticia

E non dun autobús corrente, dos que fan a ruta entre pequenas poboacións en lugares illados. En absoluto: ¡Nun autobús da moderna e culta capital do Reino!

Autobús urbano da Coruña
Autobús urbano da Coruña | Fonte: MARC912374.

Tres paisanos protagonizaron unha conversación que retrotraeume á España da década de 1950: a condutora e dous pasaxeiros; un deles septuaxenario e o outro bastante máis novo, na corentena. Xente do pobo, bos cidadáns, persoas sobre as que ninguén faría ningún comentario negativo e que podemos atoparnos presidindo unha mesa electoral ou formando parte dun xurado popular.

A chofer comentaba, con ocasión do próximo xuízo contra ao asasino confeso de Diana Quer, Enrique Abuín (un individuo deses que non deberían de existir en ningunha sociedade e co cal uo non querería cruzarse xamais), que non podía ser condenado a «prisión permanente revisábel» porque non se pode demostrar que a violou antes de matala. Argumentou que asasinándoa e tentando con posterioridade secuestrar a outra rapariga, eran motivos suficientes para aplicarlle aquela pena.

Engadiu que xa estaba ben, que os homes non paran de violentar e matar mulleres, que cada día sae polo menos un caso en primeira plana en todos os medios de comunicación.... Se eu fose un estranxeiro, ao escoitar as súas queixas levaríame a impresión de acharme nun país e nunha sociedade na que os seus integrantes masculinos son uns asasinos conspicuos de mulleres, ás que violan por sistema antes de matalas. E; non obstante, non é esta a realidade. O «Informe del homicidio en España (2010-2012)», elaborado por un equipo de cincuenta investigadores dirixidos polo psicólogo José Luis González, revela que de todos os homicidios que houbo nese período o 62% foron cometidos por homes contra membros do seu mesmo sexo, e o 28% perpetrados por homes sobre mulleres. As vítimas que foron agredidas sexualmente antes de ser asasinadas redúcense ao 0,45%.

En palabras da condutora, se a morta fose a súa filla agardaría a que o condenado saíse do cárcere para aplicarlle a lei do Talión. E os viaxeiros que a escoitaban tamén manifestaron a súa opinión respecto disto. Ámbolos dous coincidiron en que neste delito, e nalgún outro que relataron, se os criminais «caesen en mans do pobo queimaríanos vivos». Solución na que subxace a atávica convicción de que o asasinato por vinganza non é tal e, en consecuencia, non converte en malvado senón en benfeitor ao seu executor.

Aquí reside o núcleo desta clase de sucesos lutuosos; mesmo máis relevante que a función reeducadora e de reinserción social que toda condena debería ter: ¿En que consiste a proporcionalidade da pena? Dende logo, ten a súa lóxica e a súa razón de ser que quen a ferro mata a ferro debe morrer, ou pasar o resto da súa existencia en prisión; lóxica e razón de ser que, con todo, non parecen aceptábeis no século XXI. A quen teña dúbidas quero crer que lle bastará con ver unha soa vez o filme «Non matarás», do gran director polaco Krzysztof Kieś lowski (1941-1996).

A integridade, física e moral, e a vida dos nosos conxéneres son unha cuestión extremadamente seria e deben respectarse calquera que foren as circunstancias, pero a propia morte non o é menos. Podería ser este o motivo polo que os «mass media» decidiron fai un lustro non publicar noticias de suicidios (en España uns dez diarios; isto é, máis de tres mil ao ano); porque queren evitar, aseveran, o efecto imitativo que provoca a conduta suicida.

Porén, con toda probabilidade non é esta a razón de devandito ocultamento. Se consideramos os traballos do primeiro científico que investigou o suicidio, o sociólogo francés Émile Durkheim (1858-1917), as súas causas non son tanto persoais como sociais. Que pasaría, entón, se os xornais, as televisións e os informativos radiofónicos abrisen cos mortos por vontade propia que hai cada xornada? Seica se duplicarían ou triplicarían cada ano ou, talvez, á xente daríalle por reflexionar acerca da conformación política e económica das sociedades nas que vivimos?

Se isto fose así: que quitarse a vida un mesmo transmítese, cando se lle dá visibilidade, como unha infección vírica; cabería atribuír idéntica consecuencia aos homicidios de mulleres que perpetran algúns homes, pois cada vez que ocorre un publicítase con profusión na portada de todos os informativos do día, e nos resumos semanais, mensuais e anuais. 

 

 

 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta