O PP rexeita unha comisión sobre o xabaril no Parlamento porque Xunta e Goberno central "xa están a traballar" niso

Os conservadores rexeitan unha proposta conxunta de En Marea e BNG para crear no Parlamento galego unha comisión sobre os danos causados pola proliferación desta especie en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2019 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

O PPdeG rexeitou unha proposta do Grupo Mixto e do BNG para crear no Parlamento galego unha comisión sobre os danos causados pola proliferación do xabaril en Galicia. O portavoz popular na Cámara, Pedro Puy, explicou que aínda que o seu grupo, que ostenta a maioría absoluta, non nega "que sexa un tema importante", tanto a Xunta como o Goberno central "xa están a traballar" niso a través de diferentes órganos.

Xabaril
Xabaril | Fonte: Europa Press

Luís Villares (En Marea) explicou que se trataba dunha proposta conxunta co BNG para crear unha "comisión non permanente sobre como facer fronte á emerxencia dos danos do xabaril".

"O PP decidiu non acceder á comisión de estudos porque, segundo eles, xa o están abordando en sede gubernativa", criticou o tamén portavoz de En Marea, quen ademais acusou os populares de "temer" o debate parlamentario.

Tamén fixo referencia a este "veto" o viceportavoz do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez, quen censurou que o PP "prefire a improvisación" e as medidas "electoralistas e non eficientes" para o control desta especie que causa problemas, principalmente, nos campos de cultivo.

Fronte a estas críticas, o portavoz do PPdeG na Cámara, Pedro Puy, admitiu que é un tema "importante" porque os xabarís xeran "danos importantes, riscos ambientais" e mesmo "accidentes nas estradas".

No entanto, explicou que a Xunta xa "está a traballar a nivel técnico" da man dos axentes sociais e o Estado, ao que engadiu a advertencia de que se trata dun "problema xeral" que afecta tamén as comunidades lindeiras como Asturias e Castela e León.

Por iso, Puy valorou que o Estado tamén ten unha comisión na que se integran as autonomías, o Ministerio de Agricultura e o Ministerio para a Transición Ecolóxica. "Pediría un pouco de respecto e esperar a ver que fan. Non se trata nin dun veto nin dunha minimización do problema, que por iso se está abordando con seriedade desde todas as administracións implicadas", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta