Radiografía do poder: reflexións de cinco políticas galegas fronte ao "hiperliderado masculino"

Que espazo ocupa a muller na política actual? Que trabas superou para chegar ata aquí? Que senten as políticas ao ver debater a cinco homes candidatos á presidencia do Goberno do Estado? Galicia Confidencial fala con cinco mulleres do eido da política para esmiuzar a difícil relación entre xénero e poder ao longo do tempo e na actualidade.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Tendo por diante que a política é a expresión da sociedade en que se vive, resulta complexo ver que son cinco homes e ningunha muller quen se disputa a presidencia do Goberno do Estado de cara a este 10N. Nos debates electorais, son eses mesmos cinco homes os que saen discutindo ao redor da igualdade e das políticas de xénero. De feito, a xornalista Ana Blanco non deixaba pasar a ocasión de facer referencia á foto de grupo daquel plató do pasado luns, onde a paridade brillaba pola súa ausencia, como sempre aconteceu. Na historia deste Estado nunca houbo a oportunidade de votar nas urnas unha muller para presidenta. Elas seguen sendo as segundas.

Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO - Arquivo
Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO - Arquivo

A relación entre o xénero feminino e o poder non foi sinxela e segue sen selo. Cando falamos da muller que entra na elite facemos fincapé na súa exterioridade: dicimos que "rompeu o teito de cristal", que "chamou á porta"... En definitiva, que se apodera de algo que non lle corresponde, que é allea a ese poder. Aínda por riba, vivimos unha época na que a comunicación política se basea nos hiperliderados; nuns "hiperliderados masculinos". 

Que espazo ocupa a muller neste contexto? En que medida é escoitada? Que dereitos se foron conseguindo e cales quedan por diante? O GC fala con catro mulleres que entraron na política galega na década dos oitenta e dos noventa. Saben o que avanzamos, o que retrocedemos, e ven con perspectiva o paso da muller pola política. Elas son Marisol Soneira, do PSdeG, Pilar García Negro, do BNG, Manuela López Besteiro, do PPdeG e Dolores Villarino, do PSdeG. A politóloga Isabel Diz Otero dá as puntadas precisas para acabar de comprender o papel da muller no eido.

O HIPERLIDERADO MASCULINO

Fronte á pantalla do debate a cinco do pasado luns, estas catro mulleres reflexionaban sobre a cuestión de xénero. Pilar García Negro, activista e deputada no Parlamento Galego do 1989 ao 2003, observaba dúas cuestións fundamentais: a "ocupación" dun poder de maneira "absolutamente monopólica" e o "aproveitamento demagóxico" dunha "etiqueta" que é a preocupación pola sorte das mulleres. Trátase esta, ao seu modo de entender, dunha posición "totalmente paternalista".

Foto de candidatos no debate electoral do luns, 4 de novembro
Foto de candidatos no debate electoral do luns, 4 de novembro | Fonte: El Español

"É incrible ver a foto dese debate. Aínda queda moito por andar"

"Terrible", pensa Marisol Soneira. "Intenta taparse con puro merchandising. Unidas Podemos pode chamarse así, pero se non aparece un señor con coleta, non é Podemos suficiente", relata. A cara visible dos partidos concéntranse nunha soa persoa, o líder. Neste sentido, Dolores Villarino, primeira muller en presidir o Parlamento de Galicia non hai tanto - no 2005 -, considera que a ausencia de mulleres corresponde ao "sobreesforzo" que deben facer para estar nos primeiros postos de calquera institución ou empresa. "É incrible ver a foto dese debate. Aínda queda moito por andar, pero nacimos para nadar a contracorrente", conta.

"Que non haxa ningunha muller candidata á presidencia do Goberno quere dicir que non hai ningunha muller na que se fixaran os partidos políticos? Eu penso en mulleres en concreto que poderían selo perfectamente. Podería dicirche nomes". López Besteiro, deputada do PPdeG dende o 1990, cre que as cousas para as mulleres se poñen máis difíciles a medida que os niveis de responsabilidade se van facendo maiores. "Moitos homes seguen tendo a mentalidade de que as mulleres son seres débiles". 

TRABAS AO LIDERADO FEMININO

"A presión social e usos e costumes pesaban coma unha lousa"

Na época en que estas catro mulleres entraron na política, o espazo era aínda menos acolledor ca agora para o xénero feminino. Nin a tradición histórica nin a cultura herdada remaban ao seu favor. "Cando poñías enriba da mesa o nome dunha muller formada e con capacidade de traballo, só dicían: 'e esa rapaza está casada?', 'non ten un neno cativo?', 'non ten unha sogra que coidar?'". Contra iso pelexaban as políticas como Marisol Soneira, que cando chegaban as dez da noite nunha reunión, comezaban a remexer no asento porque outras obrigas as esperaban na casa. "A presión social e usos e costumes pesaban coma unha lousa!", di.

Todas elas traballaron fundamentalmente entre homes. Villarino mesmo "normalizaba" aquela presenza minoritaria das mulleres. López Besteiro tamén se acostumara a traballar daquel xeito: "nos temas que tiñan que ver coa igualdade había que convencer a moita xente". Facer un esforzo adicional para que as tomaran en serio era o pan de cada día. Había que estar alerta. "Eu sempre me rebelei contra calquera imposición polo feito de vir dunha autoridade masculina. Procurei non me deixar asoballar ou resignar nunca", mantén García Negro. 

Na primeira lexislatura de López Besteiro non había máis de cinco deputadas en todo o parlamento. En termos de presenza e participación política, o avance ten sido moi significativo. "O éxito do principio de paridade" e as cotas ou as medidas de presenza máis fortes fixo que o balance final fose "positivo", conta Diz Otero. Con todo, o camiño das mulleres para chegar aos cargos máis altos é máis dificultoso. Por unha banda, porque hai un pouso machista que pervive. Soneira recorda que no seo do PSOE se teñen dado dous procesos de primarias nas que as mulleres candidatas perderon o voto da militancia. "Aínda hai inercias a vencer". Pola outra, porque a conciliación laboral-familiar é complexa de xestionar. Segundo a politóloga Diz Otero, "vivir en parella e ter fillos condiciona" a relación das mulleres coa política: muda o interese, o nivel de participación, a presenza en listas electorais... "É fundamental un cambio nos horarios da política para adaptalos á necesaria conciliación", reivindica.

"Fai falta que esas mulleres que se incorporan o fagan cunha perspectiva de xénero"

Para Diz Otero, esta maior presenza de mulleres na política, se ben é fundamental, tampouco acaba co problema. "Fai falta que esas mulleres que se incorporan o fagan cunha perspectiva de xénero". Neste sentido tamén fala García Negro, que considera que dese incremento cuantitativo non se pode deducir que teñan cambiado as cousas para a maioría social feminina. "Hai moito traballo non recoñecido, non retribuído", cousa que impide esa "emancipación económica" que trae da man esoutra "emancipación psicolóxica". 

POSTOS E TRAXECTORIA: ONDE ESTÁN E POR CANTO TEMPO?

"As mulleres seguimos sen estar en todos os lados"

Rachar coa "exclusión factual e legal" das mulleres, como explica García Negro, foi un primeiro paso decisivo, un "tributo á realidade humana e á xustiza". Agora ben, que espazos ocupan as mulleres e por canto tempo? Segue existindo unha clara diferenza entre os postos nos que traballa un e outro xénero: a chamada política forte (Defensa, Interior, Economía...) vén dominada polos homes, mentres que o relativo a Política Social, Cultura, Educación... adoita relacionarse coas mulleres. "Seguimos sen estar en todos os lados", constata Diz Otero. Con todo, respecto da consideración de políticas fortes, a politóloga apela a mudar o foco: "Realmente cales son as políticas que teñen máis orzamento ou máis impacto na vida das persoas?", pregúntase.

Doutra banda, as mulleres que participan en política, fano un período de tempo menor ca os homes. Aquí entra en xogo a renovación das listas. Soneira conta que sempre eran as mulleres as que rotaban, e pola contra, os homes case nunca se renovaban. Hoxe en día mantéñense as dinámicas. "Non está demostrado que teña que ver coas dificultades de conciliación, pero as mulleres teñen unhas traxectorias políticas máis curtas ca os homes", asegura Diz Otero. 

CAMIÑO POR DIANTE

Soneira considera que se nos seus inicios seguira o patrón que se lle encomendaba como muller posiblemente nunca tivera aterrizado no Parlamento Galego. Villarino recoñece que lle molestou o feito de protagonizar noticias por ser a primeira muller en presidir a Cámara galega. "Levaban 25 anos. Que en 25 anos non houbera ningunha muller capaz non mo creo!". Por diante queda todo un camiño que continuar andando para conseguir unhas condicións socioeconómicas máis favorables á muller.

"Hai que falar do poder sen medo"

Para estas catro mulleres políticas, as claves para un futuro de igualdade están no traballo e na educación. "A primeira falta de igualdade xorde nos fogares, se non educamos os nenos e nenas en valores, repetiremos os mesmos esquemas", asegura Soneira. García Negro tamén bota en falta mensaxes dirixidas ás propias mulleres adolescentes e en idade laboral para que non "caian nas trapelas que moitas de nós tivemos que superar". Villarino, pola súa banda, apela a estar presente, dunha vez por todas, nos centros de poder: "Hai que falar del sen medo. A min gústanme que as mulleres se sintan poderosas, que compitan, que sexan ambiciosas. Iso encántame. O día que teñamos claro que para estar no mundo máis pequeno tamén temos que estar nos centros de poder, non haberá quen nos pare. E xa case non nos para ninguén...".

Estamos no camiño. Resta non dar pasos atrás nos dereitos xa conseguidos e loitar por unha maior visibilización da voz pública das mulleres. Cando liderará o xénero feminino en igualdade de condicións?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

Vimos tamén outro debate con cinco mulleres (La Sexta) que por desgracia foi case un copia exacta do debate masculino (?) Para facer o mesmo dá igual que o fagan homes que mulleres (?) Aïnda que se se trata de PODER todo o mundo entende que algunhas levan toda a vida amarrandoo e non o soltan (Carmela Silva) pero non vexo nesa "política" nada que sexa diferente esencialmente ao poder dos varóns (?) Agás os modelitos que gasta ! Algunha vez deberan as mulleres facernos unha reportaxe dos cartos que gastan en perruquería, estética, roupa, etc... nada máis achegarse a un cargo público (?) e poñer ao lado o que gastan os homes nese mesmo cargo público (?) É só por curiosidade !!! Amén.

1 La, la, la...

Ou por tocapelotas, por non dicir simple machismo (claro e transparente)!

2 Gamela

Claridade e transparencia é a que quixeramos ter e non temos! Esta "artista da política" é só un exemplo de adicación exclusiva aos traballos serios e profundos do Consello de Estado (?) https://es.wikipedia.org/wiki/Mar%C...