O Turismo de Fronteira na axenda de Bruxelas

O Eixo Atlántico solicitará á nova presidenta da Comisión que “considere a posibilidade de que o novo colexio de comisarios contemple unha área específica centrada no turismo”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/11/2019 | Actualizada ás 08:24

Comparte esta noticia

Este pasado luns celebrouse unha reunión en Bruxelas convocada polo Eixo Atlántico na Sede do Comité das Rexións. A este encontro asistiron os representantes das oito rexións implicadas no proxecto sobre Turismo de Fronteira. En total participaron dezaseis eurodeputados destas rexións, a responsable de Turismo da Dirección Xeral de Mercado Interior da Comisión Europea, membros das representacións permanentes dos países participantes ante a Unión Europea e membros do Comité das Rexións. Esta reunión vén despois de celebrarse en maio pasado o Foro de Turismo de Fronteira Europeo na cidade portuguesa de Braga.

Membros do EPICAH durante a reunión sobre Turismo de Fronteira na UE
Membros do EPICAH durante a reunión sobre Turismo de Fronteira na UE | Fonte: Eixo Atlántico

Nesta reunión pediuse aos eurodeputados que asuman e defendan a creación dunha “política europea de Turismo e o impulso para a protección do patrimonio natural, monumental e cultural”. Tamén se falou da necesidade de revisar a Directiva de Seguridade aérea nos aeroportos, sobre todo no tocante aos líquidos, elemento que segundo se deduciu da reunión “prexudica seriamente aos mercados locais”.

O exemplo está en que case todos os viaxeiros van con equipaxes de cabina por imperativo das compañías aéreas e non levar recipientes comúns. Isto obrígaos a consumir nos duty free dos aeroportos, pois nas súas equipaxes non pode levar envases de man de máis de 100 ml. Consideran así os membros do Foro que existe un forte prexuízo para os produtos dos mercados tradicionais de Europa como viños e licores, aceites, marmeladas ou produtos cosméticos, entre outros.

APOIO DOS EURODEPUTADOS AO TURISMO DE FRONTEIRA

Durante os tres últimos anos o Eixo Atlántico liderou o proxecto EPICAH, no marco do programa europeo Interreg Europe. Neste contexto un equipo de expertos de 8 rexións fronteirizas europeas analizou problemas e posibilidades do desenvolvemento turístico no ámbito do Turismo de Fronteira.

O eurodeputado estremeño polo PSOE, Ignacio Sánchez Amor, que asistiu ao acto, afirmou que “hai que vender as fronteiras como un produto único”. Mentres, o eurodeputado galego, Francisco Millán Mon, pediu unha liña orzamentaria “non só para o turismo, senón tamén para preservar e restaurar o patrimonio cultural xa que o patrimonio cultural reforza o sentimento de ser parte da Unión Europea. E concluíu que “o patrimonio cultural é un legado do pasado, pero tamén un recurso para o futuro, de indubidable valor económico e turístico”.

O eurodeputado galego insistiu en que a cooperación transfronteiriza “é esencial para aproveitar as oportunidades e afrontar os retos derivados do crecemento exponencial dos Camiños de Santiago”. Por iso, sinalou, “espero que proxectos como EPICAH contribúan a colocar o turismo, o patrimonio e a súa xestión transfronteiriza no lugar que merecen na axenda europea”.

No proxecto europeo EPICAH, financiado polo programa Interreg Europe participan entidades das fronteiras de España-Portugal, Letonia-Estonia, República Checa-Alemaña, Hungría-Eslovaquia, Romanía-Hungría, Italia-Francia, Grecia-*Macedonia

Dúas das principais conclusións deste traballo son, primeiro a necesidade dun programa marco de Turismo Europeo con especial atención a un subprograma de Turismo de Fronteira. En segundo lugar, que Europa conte con políticas de promoción e protección do patrimonio natural, cultural e monumental, o que até agora non ocorre. Por último sinalan a ausencia dunha política de patrimonio da Unión Europea que se “camufla” nas políticas da UNESCO, que impulsa a protección do patrimonio, mais non ten competencias para frear a súa deterioración ou as consecuencias de urbanismos agresivos.

A conclusión máis importante do foro, foi o compromiso de traballar conxuntamente estas propostas, cuxo grao de desenvolvemento se analizará a finais do próximo ano, xa que a nova Comisión Europea tomou posesión hai escasos días. Así, o Eixo Atlántico remitiu unha carta á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, onde lle recordan que “a pesar da importancia do sector turístico en Europa, do seu peso no PIB e da potencia que no ámbito turístico representa a Unión Europea, non existe na Comisión ningún comisario/a de esta materia”.

Por iso, o Eixo Atlántico solicítalle formalmente que “considere a posibilidade de que o novo colexio de comisarios contemple unha área específica centrada no turismo e se é posible, un comisario ou comisaria con esta competencia”

DATOS SOBRE TURISMO EN EUROPA

O turismo representa máis do 10% do PIB da UE. Con crecementos sostidos do 3,2% anual en número de visitantes e uns ingresos, en 2017, de 342 millóns de euros, segundo o Informe 2018 da Organización Mundial de Turismo. Isto convérteo nun dos principais motores económicos da Unión Europea, incluíndo as capitais e os territorios periféricos. Estes territorios son, en moitos casos, transfronteirizos, o que lle dá “valor engadido á súa oferta turística que adoita ter un perfil diferenciador baseado no patrimonio, a cultura, a natureza e a enoloxía”.

Este tipo de turismo representado polo concepto promovido polo Eixo Atlántico “2 países, 1 destino”, ten unha serie de problemas que dificultan o seu desenvolvemento. Aínda que, limitacións como o roaming xa foron solucionadas, existen os problemas de conectividade ou loxística, como o aluguer dun vehículo nun país e a súa devolución noutro.

Xunto a isto está o pago das peaxes nas estradas de Portugal, sobre todo para os turistas, así como as dificultades na conservación do patrimonio e a promoción como destino turístico, aínda están pendentes de solución.

A dinámica actual prima a cantidade sobre a calidade. Así a estratexia dos gobernos baséase en promover os grandes destinos tradicionais para poder presentar grandes cifras. Isto relega a aposta estratéxica por outros territorios que permitirían diversificar o impacto positivo do turismo. Ao mesmo tempo minoraría o impacto negativo que xa experimentan algunhas cidades europeas como Lisboa, Barcelona, ou Venecia, pola masificación turística.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta