Ciudadanos censura que Jácome queira "dar a nota" coa construción dun rañaceos

O Concello de Ourense propón construír coa Deputación un edificio de 80 plantas, que sería, segundo din, un "polo de atracción e impulso económico".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2019 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

O portavoz do Grupo Municipal de Ciudadanos en Ourense, José Araújo, censurou que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, conseguise "dar a nota" coa súa nova "ocorrencia" sobre a construción dun rañaceos de 80 plantas nunha leira da Deputación na cidade.

Nun comunicado remitido aos medios, Araújo mostrouse sorprendido de que Jácome recorra a "estrepitosos proxectos para gañar titulares no canto de porse a traballar de forma responsable polos veciños".

Araújo manifestou que "neste cinco meses de Goberno non fixo absolutamente máis nada que dar a nota" con noticias como a da construción dunha torre de 80 pisos.

O portavoz de Cs Ourense preguntouse se a cidade demanda suficiente vivenda como para realizar un proxecto destas características e preguntouse polos intereses que hai detrás desta proposta.

"Coñecemos que manteñen reunións secretas para negociar temas relacionados co PXOM e descoñecemos o que teñen previsto facer, o que si sabemos é que hai unha chea de solares pendentes de urbanizar por un documento que non os ampara xuridicamente", sinala.

Rañaceos
Rañaceos

PROPOSTA MUNICIPAL

O Concello de Ourense propón construír un rañaceos de 80 plantas na coñecida como 'Finca Deputación', un terreo urbano propiedade da institución provincial que goberna o popular Manuel Baltar.

Diso informou o Consistorio nun comunicado remitido aos medios, no que asegura que este sería un "polo de atracción e impulso económico e unha infraestrutura de absoluta practicidade para espazo de servizos".

O Concello indicou que a actual cualificación prevé a construción de seis torres de 16 pisos de altura, 9.274 metros cadrados edificados en cada unha das torres, unha idea que, segundo apunta, "non seduce en absoluto" ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.

Por iso, sinala que a idea que se está contemplando como unha posibilidade "factible" é a de "fusionar as seis torres nun gran rañaceos" de 80 plantas, cunha superficie construída de 55.600 metros cadrados. O resto do terreo, conforme indica, sería unha zona para facer un "super parque" así como un espazo destinado a equipamentos deportivos que inclúe unha piscina climatizada.

O Consistorio subliña que "esta idea suporía ter o mesmo volume edificado, pero achegando un elemento diferencial e competitivo en España". Así, precisa que "na última planta estaría un miradoiro" e mesmo espazos destinados a un hotel.

O "MÁIS GRANDE" DE ESPAÑA

"Estariamos ante o rañaceos máis grande de España, con máis de 300 metros, e un dos cinco primeiros de Europa", apunta o Concello, que insiste en que este edificio suporía "unha atracción de visitantes garantida".

Ademais, o Concello destaca que as plantas poderían acoller residencias, oficinas públicas como o centro de intelixencia artificial ou oficinas administrativas da Xunta e o Concello.

A administración local subliña que esta idea "sería unha aposta polo beneficio público". "Non estamos a falar de especulacións privadas, xa que o 80% do hipotético rañaceos sería de propiedade pública", indica o Concello, que tamén recoñece que "o custo" sería "lixeiramente superior" ao das seis torres pero "perfectamente aceptable para desenvolver o proxecto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta