Operarios de auxiliares de Endesa nas Pontes concéntranse para pedir garantías de traballo

Critican que o encontro prometido entre sindicatos e dirección da eléctrica "aínda" non teña data.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2019 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

Un centenar de traballadores das compañías da central térmica das Pontes (A Coruña) concentrouse este mércores durante algo máis de media hora, baixo a lema 'Na defensa de emprego nas auxiliares de Endesa'- para demandar "un compromiso real con este colectivo e que se estenda máis aló do 31 de decembro, que é o único compromiso que asumiu polo momento Endesa".

Así o asegurou Alberte Amado, integrante de CIG-Industria na comarca de Ferrolterra, en declaracións a Europa Press, durante unha concentración que realizaron na zona da rotonda da Vilabella, nas proximidades tanto da central de carbón como de ciclo combinado, preparada está última para utilizar gas ou gasoil, e que foi convocada de maneira unitaria polos sindicatos CIG, UGT e CCOO.

Amado trasladou que estes traballadores, pertencentes a unha ducia de empresas auxiliares, "o que reclaman son solucións concretas para a continuidade dos seus empregos, xa que ata o momento Endesa só garante os actuais niveis de ocupación ata finais de ano".

"DESIDIA"

Con esta protesta tamén quixeron chamar a atención e demandar "un proceso de transición enerxética xusta, onde se teña en conta o persoal da industria auxiliar". Tamén denunciaron "a desidia da dirección de Endesa". "Tras lograr un compromiso de manter unha reunión coa parte social, tras un peche realizado na sede da empresa eléctrica na Coruña, a día de hoxe, non temos aínda data para este encontro", lamentaron.

Concentración de operarios de auxiliares de Endesa nas Pontes (A Coruña) .
Concentración de operarios de auxiliares de Endesa nas Pontes (A Coruña) . | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta