Ana Miranda insta ao próximo presidente do Goberno a "ilegalizar" a Fundación Franco

Di que non pode ser que fagan "apoloxía do fascismo". Pedro Sánchez anunciou no debate do pasado luns que ilegalizaría esta fundación se é elixido presidente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2019 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta o presidente do Goberno que salga das urnas o próximo 10 de novembro a cumprir as directrices que marcan a resolución contra o avance do fascismo en Europa e "ilegalizar" a Fundación Francisco Franco.

Nun comunicado remitido aos medios, a dirixente nacionalista sinalou que, entre as directrices que marca a resolución aprobada o 25 de outubro de 2018, figura a prohibición das asociacións e organizacións que fan apoloxía do fascismo e do nazismo, como é o caso da Fundación Franco.

"É inadmisible que siga existindo unha fundación que fai apoloxía da ditadura, é unha anomalía democrática", sinala a portavoz do BNG en Europa, para quen existe unha "valiosa ferramenta para frear o avance do fascismo" xa que no seu artigo 20 esta resolución urxe aos Estados membro a prohibir este tipo de entidades. Precisamente, Pedro Sánchez anunciou no debate do pasado luns que ilegalizaría esta fundación se é elixido presidente

"É igualmente inadmisible que o Franco pidan aumento das penas aos activistas que reclaman a devolución dos bens incautados polo ditador e á súa familia", engade en referencia ao xuízo suspendido este martes pola ocupación simbólica da casa Cornide.

PRESENZA NO CONGRESO

Segundo afirma Ana Miranda, a presenza do Bloque no Congreso é "imprescindible" para "aumentar a presión" que faga realidade a prohibición da Fundación Franco e a devolución do Pazo de Meirás.

E é que a deputada considera que a retirada de restos do Franco do Valle de los Caídos é "só un paso" e que é necesario "seguir avanzando na devolución dos bens e inmobles incautados polo ditador e na prohibición da Fundación Franco.

"Do mesmo xeito é unha anomalía democrática no Estado español aínda que convivan oito fundacións franquistas", en referencia á Fundación Francisco Franco, a Fundación José Antonio Primo de Rivera, a Fundación Pro Infancia Queipo de Llano, a Fundación Blas Piñar, Fundación Hijas de Millán Astray, a Fundación Ramiro Ledesma Ramos, a Fundación Serrano Suñer e a Fundación Capitán Cortés.

ACCESO Á DOCUMENTACIÓN

Ana Miranda lamenta que no Estado español "aínda queda moito por facer" xa que, ademais da devolución do patrimonio incautado, considera necesaria a retirada completa da simboloxía franquista aínda existente e permitir o acceso á documentación relacionada coa ditadura.

Neste sentido, lembrou que o BNG xa instou á ONU a investigar ao Estado español por vetar o acceso á documentación pública e privada sobre a ditadura franquista e pola existencia de fundacións ligadas ao franquismo.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda. BNG
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta