O alcalde de Ourense di que os sindicatos presentan alegacións ás modificacións orzamentarias "só por foder"

O pleno do Concello aproba unha modificación de crédito de case 10 millóns de euros destinada a pagar facturas pendentes.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 08/11/2019 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

A sesión plenaria do Concello de Ourense deu luz verde este venres a tres modificacións de créditos que permitirán abonar facturas sen pagar por un importe de case 10 millóns de euros. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, cargou con dureza contra os sindicatos, aos que acusou de presentar alegacións "só por foder" ás modificacións orzamentarias levadas ao pleno extraordinario. "Non o fan por unha cuestión de fondo", manifestou o rexedor ourensán, que considera que así: "mostran a súa forza xa que a lei permíteo".

Ante a existencia de alegacións a algún dos puntos do plenario, Jácome declarou: "os sindicatos empregan un método totalmente desgairado para pornos todas as pedras no camiño". "A lei debería contemplar que alguén só por foder non puidese deter nada", engadiu.

Pleno no Concello de Ourense.
Pleno no Concello de Ourense. | Fonte: Europa Press

O Partido Popular, socio de Jácome no goberno municipal, tamén criticou as alegacións dos sindicatos porque, segundo a edil Ana Morenza, trátase de "unha utilización torticera das vías legais para facer xuízos de valor". Fronte a iso, o grupo de Cidadáns lembrou ao alcalde que "se a relación fose máis fluída e os funcionarios non sentisen maltratados polo equipo de goberno non se darían ditas alegacións".

ORDE DO DÍA

Os puntos da orde do día incluíron o pago de facturas pendentes na chamada 'conta 413', que engloba facturas de 2018 non executadas por falta de crédito ou de tempo para a súa tramitación. Abordou tamén facturas pendentes dos anos 2016 e 2017, ademais da aprobación da última partida municipal da reforma da Praza de Abastos número 1. A votación sobre a partida destinada á Praza de Abastos contou co apoio unánime de todos os grupos da corporación municipal polo seu "carácter fundamental".

O PSOE ACUSA A JÁCOME DE "SER O MESMO CAN"

Por outra banda, o grupo municipal do PSOE reprochou ao rexedor ourensán que antes calificaba as "habituais" modificacións de crédito que chegaban a pleno no último trimestre do ano como "modificacións en serie". Os socialistas lembraron que no pasado Jácome mesmo chegou a pedir o cesamento da edil de Facenda por aquel entón e tamén agora, Ana Morenza, por "a morosidade dos pagos". Un cambio de comportamento ante o que os socialistas acusaron ao alcalde de "cambiarse o colar" pero "seguir sendo o mesmo can".

Neste punto, Jácome tomou a palabra para quitarse toda culpa e dicir que "aínda están a arrastrar unha xestión pasada" que procede do anterior goberno, no que os populares rexían Ourense en solitario. "A falta de orzamentos fai normal as continuas modificacións de creditos", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta