Multiplícanse por oito os casos de violencia de xénero en menores nos últimos catro anos

Soben un 20% os delitos sexuais. O Fiscal Superior de Galicia avanza que a próxima reunión do Consello Fiscal analizará "a creación dun ou varios fiscais anticorrupción en Galicia"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2019 | Actualizada ás 19:33

Comparte esta noticia

A cifra de menores galegos implicados en delitos relacionados coa violencia de xénero multiplicouse por oito entre 2014 e 2018, segundo recolle a memoria da Fiscalía Superior de Galicia dese último ano, no que os delitos relacionados coa liberdade sexual creceron un 20%.

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, entregou este luns ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a memoria da Fiscalía correspondente a 2018, na que se evidencia unha baixada do 7% nos asuntos de carácter penal ingresados nos xulgados galegos, ata os 103.000. Con todo, a folga da xustiza rexistrada no primeiro trimestre dese ano fixo aumentar os asuntos que quedaron pendentes case un 9%.

Entre os indicadores que "seguen crecendo" está a violencia machista, destacou, en declaracións aos medios, Fernando Suanzes, que cifrou nun 1,5% o incremento das denuncias (máis de 6.500), un 4% das ordes de protección (máis de 1.300) e un 3% as vítimas (máis de 6.000).

Ao longo de 2018 en Galicia ditáronse 1.318 sentenzas por este motivo (un incremento do 11%), das que case o 75% foron condenatorias. Entre os delitos máis frecuentes están os malos tratos ocasionais (44%), o quebrantamento de medidas (17%) ou os malos tratos habituais (12%).

MENORES IMPLICADOS

Ante os medios, Suanzes expresou de forma particular a "preocupación" da Fiscalía pola evolución da violencia de xénero entre os menores, tendo en conta o incremento sostido nos casos deste tipo que involucran a este colectivo. En concreto, fronte aos 5 casos rexistrados en 2014, en 2018 notificáronse 40, multiplicando as cifras por oito en catro anos. Entre 2017 e 2018 a cifra de casos duplicouse.

Na área de menores, os procedementos penais incoados descenderon de forma global algo máis dun 7%, ata os 3.283. Segundo a estatística xudicial, os menores intervidos ou xulgados ese ano foron 616, dos que o 77% tiña entre 16 e 17 anos.

Por tipo de delito, os máis frecuentes foron os patrimoniais (28,5%), os de lesións (17%), e os de violencia familiar (un 10,21%, cun aumento do 18% con respecto ao ano anterior). Ademais dos relacionados coa violencia de xénero, os delitos contra a liberdade sexual incoados a menores pasaron de 55 a 73 entre 2017 e 2018.

A nivel global, os delitos contra a liberdade e a indemnidad sexual creceron en 2018 un 20%, superando as 1.200 incoacións, cunha media de tres novos casos ao día ingresados nos xulgados galegos. As agresións sexuais subiron un 12% e os abusos aumentaron un 20%, mentres que as violacións diminuíron un 37%.

OUTROS DELITOS

Noutra orde de cousas, a memoria de Fiscalía recolle un incremento de máis do 7% nos delitos relacionados co tráfico de drogas, con 1.000 novas causas incoadas; así como unha subida do 1,5% nos delitos relacionados coa seguridade viaria.

Neste último aspecto, o fiscal superior lembrou que un terzo das sentenzas que se ditan en Galicia están relacionadas coa seguridade viaria. En concreto, en 2018 houbo máis de 5.300 por este motivo, das que o 60% tiveron que ver coa condución baixo os efectos do alcol ou das drogas.

Por outra banda, a Fiscalía constata "un avance na sensibilización ambiental e na concienciación respecto ao urbanismo sustentable". Con iso, incrementáronse as dilixencias de investigación neste ámbito máis dun 13% (preto de 300), das que algo máis da metade refírense a ordenación do territorio e loita contra edificacións ilegais. Do mesmo xeito, baixaron máis dun 44% os delitos incoados por incendios forestais, que supoñen o 28% das sentenzas ditadas en materia ambiental.

MENOS DELITOS CONTRA O PATRIMONIO E HOMICIDIOS

Un ano máis, en Galicia diminúen os delitos contra o patrimonio (un 6% menos), ata 19.350. Deles, 1.254 foron roubos con violencia (un 1,37% máis), 2.930 roubos con forza nas cousas (un 15,2% menos), e 4.584 estafas (3,58% máis).

016, Teléfono Axuda Malos Tratos
016, Teléfono Axuda Malos Tratos | Fonte: EP

Recreación dun caso de iolencia de xénero
Recreación dun caso de iolencia de xénero | Fonte: Getty Images.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta