Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2019 | Actualizada ás 17:51
A contorna do líder de Podemos Galicia e deputado electo por En Común-Unidas Podemos, Antón Gómez-Reino, denunciou o 'pirateo' da súa conta na rede social Twitter tras a publicación dunha mensaxe contra o ex-alcalde da Coruña Xulio Ferreiro no que respondía a un tuit deste no que lamentaba a perda de apoios do 'rupturismo' desde o ano 2015.
Fontes da dirección do partido morado sinalan que un grupo de informáticos está a analizar o suposto acceso non autorizado á conta de Twitter de Gómez-Reino para tentar dar coa orixe.
A mensaxe en cuestión acusaba, desde o perfil do dirixente do partido morado, ao ex-alcalde da Coruña de ser un "progre ex-BNG" que perdeu "un terzo dos votos" en catro anos, en referencia aos resultados obtidos nas pasadas eleccións por Marea Atlántica, candidatura de unidade popular impulsada, entre outros, polo propio Gómez-Reino.
O chío respondía outro publicado horas antes por Ferreiro --afastado da primeira liña política desde a perda do bastón de mando-- no que cuestionaba o rumbo tomado polo espazo político da chamada unidade popular desde o ano 2015, cando, agrupados ao redor de En Marea, se situaron como segunda forza política nas eleccións xerais excedendo a barreira dos 400.000 votos.
"Se comparamos o resultado das eleccións de decembro de 2015 e os de onte ( polas eleccións xerais do 10 de novembro), é necesario pensar: 1. Que erros cometemos para dilapidar tanta ilusión. Por iso de non repetir. 2. Que imos facer a partir de hoxe para volver ilusionar(nos). Xa o fixemos unha vez, podemos facelo de novo", di o tuit de Ferreiro, que o acompañou cunha foto dun mitin da campaña das xerais de decembro de 2015.
"Anda. E consultando os resultados deste progre ex-BNG hai que lembrarlle que en 2015 sacou 36.842 e en 2019 25.000 votos. Perder 1/3 dos votos que tiñas en 4 anos e gobernando. Autocrítica? Ningunha... e agora coma se nada aparece suxeríndose para as galegas", replicou o perfil de Gómez-Reino nunha mensaxe que, fontes da súa contorna, atribúen a un 'pirateo' da súa conta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.