Temas: FRASEOLOXíA

“Lavarse por parroquias”, equivalente a “lavarse por partes”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 17/11/2019 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Nos tempos que hoxe corren, a máis da xente que forma parte do que denominamos “sociedades desenvolvidas” dispón na súa vivenda de auga corrente e, como mínimo, dun cuarto de baño equipado con bañeira ou ducha que lle permite un aseo hídrico integral, pero se cadra non está de máis lembrar que se nos retrotraermos a non moito tempo atrás, estes adiantos eran case ciencia ficción e en moitas ocasións o aseo tiña que se facer lavando progresivamente as distintas partes do corpo: é o que se coñece por lavarse por parroquias.

Bañeira
Bañeira | Fonte: @JaviDorado

Lavarse por partes

{= Ir lavando unha persoa progresivamente distintas partes do corpo, pero sen unha ducha ou baño íntegros.}

Lavarse por parroquias

[TAMÉN]:

Lavarse por partes

Ex.: Pues si no te funciona el calentador, calientas un poco de agua en un recipiente y te vas lavando por partes.

Pois se non che funciona o quentador, quentas un pouco de auga nun recipiente e vaste lavando por parroquias por partes.

NOTAS:

1. Inda que a locución verbal a reflectimos no seu comportamento reflexivo, tamén se usa con comportamento transitivo (isto é, lavar por parroquias a alguén). Ex.:

Le puso a su madre una persona asistenta durante el día para cuidar de ella y ayudarla, pero a la hora de bañarla, como es tan obesa, la tiene que lavar por partes.

Púxolle a súa nai unha persoa asistenta durante o día para ter conta dela e axudarlle, pero á hora de bañala, como é tan obesa, tena que lavar por parroquias por partes.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta