O humor marida co viño do Ribeiro en Ourense

O actor e humorista galego Alberte Montes participará este xoves 14 de novembro na segunda xornada do Ciclo "Cata a Arte" que se desenvolve no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Nesta ocasión presentaranse os viños Catro Parroquias e Viña Leda.

Por X.M. Fernández | Ourense | 14/11/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O Ciclo “Cata a Arte”, que este ano chega á súa 6ª edición, complementa as presentacións  de viños da D.O. Ribeiro con actuacións culturais. Este xoves tócalle a quenda ao coñecido actor e humorista Alberte Montes que ten a misión de amenizar a ‘post-cata’ cun breve monólogo no que dará pautas e consellos para ser un ‘galego top’. Alberte foi un dos actores na exitosa serie “Fariña” e actualmente está compaxinando a rodaxe dunha serie para a TVG con aparicións no programa Luar.

Alberte Montes. Foto: JARibas Fotografía
Alberte Montes. Foto: JARibas Fotografía

Os viños que se presentan este xoves 14 de novembro en “Cata a Arte” son Catro Parroquias e Viña Leda de Bodegas Loeda S.L., adega localizada no lugar de Sampaio, en Ribadavia, fundada nos anos 20 e pola que pasaron xa tres xeracións. Actualmente a súa produción rolda os 200.000 litros, dos que 60.000 van para embotellar o Catro Parroquias. O principal mercado é Galicia pero tamén se distribúe a nivel nacional co envío de pequenas partidas ao mercado asiático e a Suíza.

Catro Parroquias está elaborado principalmente coa variedade Treixadura, e un dos feitos diferenciais que ten é que para a súa elaboración recóllese uva das antigas catro parroquias do Ribeiro.

O evento terá lugar o xoves 14 de novembro a partir das 20.00 horas, momento no que se abrirán as portas para acceder ao salón correspondente do Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense onde se desenvolverá esta acción. As catas teñen tamén un carácter solidario, co cal a pequena aportación económica da entrada irá destinada a recadar fondos para Cáritas Diocesana de Ourense.

Viñas de onde sae o Catro Parroquias. Foto: Bodegas Loeda S.L.
Viñas de onde sae o Catro Parroquias. Foto: Bodegas Loeda S.L.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Boa combinación