As fragas de Catasós, un fermoso espazo natural que agarda un plan de xestión desde hai vinte anos

A Fraga de Catasós é unha masa arbórea de bosque atlántico no Concello de Lalín. A Xunta declarouna monumento natural en 2.000 pero a construción dunha liña de alta tensión ameazou seriamente a contorna da fraga. Finalmente, e tras unha longa loita, este espazo natural puido salvarse pero a día de hoxe aínda non ten un plano de xestión, necesario para a súa conservación.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 13/11/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Monumento Natural das Fragas de Catasós en Lalín, está dividido en dúas partes pola estrada N 525, denominándose a parte separada Fraga de Casas Vellas, aínda que, segundo os veciños, é unha continuación de Catasós. Este espazo natural inclúe especies arbóreas autóctonas que van desde bosque de ribeira, carballos e plantas endémicas do lugar que estarían en perigo de desaparecer.

Fragas de Catasós
Fragas de Catasós | Fonte: Salvemos Catasós

O tendido eléctrico que Unión Fenosa quería instalar ao pé da fraga, puxo en alerta a veciños e asociacións ecoloxistas. A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de 2013, considerou viable o proxecto de Fenosa. Mais outro informe elaborado polo Consello da Cultura Galega, apuntaba “deficiencias” dentro da DIA de 2013. Houbo retirada de licenzas de obra a Fenosa por parte do anterior equipo de goberno local presidido por Rafael Cuíña, isto trouxo un xuízo que finalmente se resolvera a favor do Concello de Lalín. Aínda así, a día de hoxe, non hai plan de xestión para Catasós.

MONUMENTO NATURAL

As fragas de Catasós foron declaradas  Monumento Natural o ano 2000. Esta condición de monumento natural leva unido un período de dous anos para crear un plano de xestión que protexa e explote ese espazo segundo as normativas vixentes. Unha das medidas “implicaría unha zona de proteción arredor da fraga” declara Elías Fernández da Plataforma Salvemos Catasós. “A nosa sorpresa foi cando vimos que ía pasar unha liña de alta tensión de Fenosa ao pé do monumento natural”.

A liña de alta tensión (LAT) estaba pensada para a evacuación de enerxía desde o parque eólico do Irixo. A Declaración de Impacto Ambiental de dous de abril de 2013 da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental consideraba viable o proxecto LAT 132 kV Irixo-Lalín. En vista disto, a Plataforma Salvemos Catasós, solicita á Xunta acceder aos documentos relativos a esta rede eléctrica. “Descubrimos que non existía o plan de xestión. A Xunta recoñeceu que non existía”. A partir de aí sinalan desde a Plataforma, houbo respostas evasivas ademais de que “non tivemos acceso á documentación”.

Fragas de Catasós
Fragas de Catasós | Fonte: Salvemos Catasós

Cando a Plataforma foi falar co Concello de Lalín viron que a administración local non elaborara un plan de xestión para a fraga. “Só figura que está protexida”. Durante o transcurso da lexislatura de 2015 a 2019, o concello non outorga licenza de obras a Fenosa. A compañía recorreu aos tribunais que fallaron finalmente a favor do Concello.

“Esa batalla ao final gañouse porque a DIA que se fixera obviaba o feito da composición como bosque antigoancient wood”” e como hábitat de interese comunitario (lei 42/2007). Á parte, a mesma Plataforma Salvemos Catasós, foi dúas veces ao Parlamento Europeo presentar as súas demandas, apoiándose na lexislación da Unión Europea sobre espazos protexidos.

INFORME DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Ante a DIA da Xunta, os integrantes da Plataforma pediron ao Consello da Cultura Galega que elaborase un informe sobre a Declaración de Impacto Ambiental elaborada pola administración galega. Así queda rexistrada a petición o 27 de outubro de 2014 na sede do CCG. Basicamente pedíase que o máximo organismo cultural galego se comunicara coa Consellería de Medio Ambiente, coas administracións locais implicadas e coa mesma Unión Fenosa.

O CCG elabora un informe de avaliación sobre a DIA en Catasós. No documento aparece que a oficina do Valedor do Pobo emitira o 25 de febreiro de 2015 unha serie de recomendacións para a protección dos espazos naturais afectados. Por outra parte, o informe de do CCG descobre que si hai impacto sobre elementos patrimoniais como o castro de Catasós e o de Aurela do Castro.

Outra das “descubertas” do estudo feito polo Consello da Cultura é que Galicia non ten lexislación para protexer os bosques históricos “ancient woods” e tampouco sobre hábitats de interese comunitario segundo o Anexo I da Directiva 92/43/CEE. Non obstante, as fragas de Catasós estarían protexidas segundo a lexislación galega polo artigo 45.3 da lei 42/2007.

Xunto a isto, non se mencionan os hábitats “non prioritarios” que tamén gozarían de protección. No documento do Consello da Cultura pode lerse que “a mesma DIA considera só algunhas “manchas” de bosque de ribeira”. Por último, cuestiónase a metodoloxía con que a Consellería de Medio Ambiente elaborou a declaración de impacto ambiental. Segundo o CCG, só se seguiu “un único método derivado do “Inventario e cartografía dos tipos de hábitats e especies da directiva 92/43/CEE” da DGCYT-ICONA, xunto co emprego de mapas a escala 1:500.000, considerada insuficiente”. Finalmente, desde o CCG piden ou ben a anulación da DIA ou a súa modificación

Desde o Concello de Lalín responden que actualmente se está realizando un estudo sobre Catasós e a área de protección da fraga. Baixo esta premisa, o goberno local lalinense non se pronunciará ata ter o estudo feito polos técnicos municipais. Dito estudo sae da solicitude presentada por Plataforma Salvemos Catasós. Por outra parte, lembran que a solicitude chegou catro meses despois do cambio de goberno local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Elías Couso

É curioso que o Concello de Lalín precise un estudo dos técnicos municipais sobre Catasós e a Fraga para saber que a Xunta ten que cumplir a LEI 9/2001 do 21 de Agosto que establece que: “a Consellería de Medio Ambiente aprobará un plan de conservación no prazo de dous anos dende a súa declaración”.

1 andando

venga feijoo deja que construyan chalets ahi te lo digo porque como a ti galicia te importa una mi er da