Baltar reivindica a defensa dos "sinais básicos" de Galicia no debate sobre o estado da provincia ao que faltou o PSOE

O portavoz de DO, Miguel Caride, tamén atribuíu a Baltar as cualidades de "saber tratar a DO e ao seu líder co respecto e a dignidade que se merecen".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2019 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Ourense terminou a súa intervención na sesión plenaria extraordinaria deste mércores facendo referencia a unha "cuestión fulcral" como que "desde Ourense se seguirán defendendo os sinais básicos da identidade galega como son unha lingua propia, unha literatura de prestixio e unha cultura popular diferenciada".

Así o manifestou ao termo da súa primeira intervención no debate sobre o estado da provincia, cunhas palabras que chegan despois da recente escalada de Vox no ámbito estatal, un partido que ten como un dos seus mantras as críticas á política lingüística de Alberto Núñez Feijóo.

A visión e estratexia de futuro que Manuel Baltar presentou no debate sobre o estado da provincia é a de "crer en Ourense para crear en Ourense". Neste contexto, explicou que o camiño do ente provincial está marcado por "o goberno do rigor, da xestión, da innovación, da transparencia e da cooperación".

Neste debate, os grupos de goberno PP e DO aproveitaron para agradecerse o seu "apoio mutuo". Precisamente, o discurso do portavoz de DO na Deputación, Miguel Caride, centrouse en xustificar o pacto de goberno entre ambos os partidos e o cambio de discurso da súa formación.

"JÁCOME ARREPÍNTESE DE ATACAR A BALTAR NO PASADO"

"Manuel Baltar soubo entender perfectamente a nosa posición e nós a súa", dixo Caride. O portavoz de DO tamén atribuíu a Baltar as cualidades de "saber tratar a DO e ao seu líder co respecto e a dignidade que se merecen".

É máis, Caride desvelou que Jácome durante a negociación levada a cabo con Baltar transmitiulle que "se arrepentía de atacalo tanto no pasado".

AUSENCIA DO PSOE

Outro punto que marcou a axenda do pleno foi a deliberada ausencia dos deputados do PSOE que o pasado martes anunciaban a súa decisión de non asistir baixo un gran valo publicitario na que se ve unha montaxe con Baltar (pai), Manuel Baltar e Jácome e na que pode lerse "sete habitantes menos cada día desde que caciquean Ourense".

Precisamente o portavoz do PSOE na Deputación de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, aproveitou este mércores unha convocatoria ás portas do Concello de Ourense para manifestar que "unha Deputación que non vale para nada está a levar a cabo un debate que vale para menos".

C´S REIVINDICA O PAPEL DAS MULLERES

Pola súa banda, a deputada de Ciudadanos Montserrat Lama comezou a súa intervención explicando que se sentiu "honrada" por ser a primeira muller que sobe ao atril do debate da provincia.

Aproveitou a súa quenda de intervención para reivindicar que "é o momento de que as mulleres ocupen a primeira liña da política e da batalla" e deulle as grazas aos "miles de mulleres que traballaron á longo da historia" a favor desta causa.

"Máis pronto que tarde os asentos que teño ás miñas costas -- en alusión á presidencia e as vicepresidencias da Deputación-- serán ocupados por mulleres, independentemente da cor política", sinalou.

Entre as medidas achegadas pola formación laranxa atópase "a mellora da educación dos nenos" partindo do fomento e coñecemento da cultura da provincia; ademais da rehabilitación dun "enclave único" como o das Corticeiras.

Pola súa banda, o BNG pediu en primeiro lugar que se "estableza con carácter inmediato unha mesa de diálogo" que conte coa presenza de todos os grupos políticos e que "estude un novo modelo de repartición dos fondos".

Así mesmo, pediu que sexan os técnicos da Deputación provincial os que se encarguen de xestionar a rede viaria municipal e provincial, en contraposición á proposta do grupo de goberno que aposta porque o xestionen os construtores.

Debate do estado da provincia na Deputación de Ourense
Debate do estado da provincia na Deputación de Ourense | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta