Unha testemuña declara que a carga policial foi "desmesurada" contra o exsecretario da CIG en Ferrol

Dixo que chegou mesmo a escoitar, na manifestación celebrada no 2012, como os policías dicían "a por Pintos, colle a Pintos".

Por E.P. | A CORUÑA | 14/11/2019 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Un dos participantes na manifestación celebrada en Ferrol durante a xornada da pegada de carteis do PP para as eleccións autonómicas de 2012 declarou que as cargas policiais foron "desmesuradas" e que varios axentes policiais "se cebaron" co exsecretario de CIG, Xesús Anxo López Pintos, xulgado precisamente por un incidente cun destes axentes.

Esta testemuña presencial, compañeiro doutro sindicato, foi un dos primeiros en declarar este xoves na sesión que se segue na Audiencia Provincial da Coruña contra este dirixente sindicalista, a día de hoxe xa retirado e a quen o Ministerio Fiscal acusa dun delito de atentado e unha falta de coaccións, polo que pide dous anos e nove meses de cárcere.

Despois de que na primeira xornada declarase o acusado, que negou agredir ao policía, este xoves foi a quenda de escoitar a varios das persoas que acudiron, xunto a Pintos, a esta manifestación. Un deles foi este compañeiro de UGT, quen asegurou que a Policía "cargaba contra os manifestantes sen piedade".

PORRAZOS

"Co que primeiro se cebaron foi con Pintos, a quen lle deron porrazos desmesuradamente", indicou esta testemuña, quen dixo que chegou mesmo a escoitar como os policías dicían "a por Pintos, colle a Pintos" .

Esta declaración coincidide co manifestado na primeira xornada polo sindicalista acusado, quen recoñeceu recibir "dez porrazos" por parte da Policía.

Ademais da pena solicitada pola Fiscalía, un dos axentes da Policía Nacional, que exerce a acusación particular, denuncia un delito de atentado cunha falta de lesións, polo que solicita tres anos de prisión.

Pola súa banda, a defensa de López Pintos, exercida polo avogado Roberto Bouza, tamén acusa a ese mesmo axente do corpo policial dun delito de "tortura, lesións, agravado pola utilización dun instrumento perigoso" e un delito contra a integridade moral.

O ex-responsábel comarcal da CIG en Ferrolterra, Xesús Anxo López Pintos
O ex-responsábel comarcal da CIG en Ferrolterra, Xesús Anxo López Pintos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta