Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2019 | Actualizada ás 18:52
As organizacións sindicais da educación privada-concertada decidiron endurecer a súa postura ante a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a "ausencia total de interlocución e negociación" por parte do Goberno galego para abordar os problemas dos traballadores do sector.
FSIE, FeSP-UXT, CC.OO. Ensino, FEUSO e CIG-Ensino remitiron un comunicado conxunto aos medios para denunciar esta situación e a falta de resposta de Educación, despois de "case catro meses", á súa petición de reunión para abordar estas problemáticas e algúns dos acordos e temas pendentes para esta modalidade de ensino.
Entre eles, citaron o acordo de mantemento de emprego, a revalorización do 2% do complemento retributivo autonómico, o acordo de xubilación parcial, o comezo do pago da paga extraordinaria de antigüidade de 25 anos na empresa ou o complemento por coordinador do equipo de dinamización lingüística, entre outras.
Os sindicatos avanzan que se encerrarán na Consellería o próximo luns para esixir que a titular, Carmen Pomar, os reciba e "sente a negociar con eles", despois de que a Xunta rexeitase "calquera tipo de acordo" no marco da Comisión Tripartita do Ensino Concertado (que se reuniu este martes).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.