Temas: 10N PPDEG

A cúpula do PPdeG defende a proposta de Feijóo dun pacto PSOE-PP

Os 'populares' galegos prepáranse para a carreira das autonómicas mentres o seu líder volve ao foco estal ao abandeirar a gran coalición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2019 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

O comité de dirección do PPdeG, presidido polo seu líder, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse este venres para analizar os resultados das últimas eleccións xerais e o contexto político. Non en balde, a seguinte cita electoral do calendario é a das autonómicas galegas que tocarían no outono de 2020.

Feijóo preside o comité de dirección do PP galego
Feijóo preside o comité de dirección do PP galego | Fonte: Europa Press

Deste xeito, os populares empezan de inmediato a prepararse para dar a batalla nos comicios galegos de 2020 coa vista posta no que sucede en Madrid, onde se anunciou un preacordo entre PSOE e Podemos que, ademais, permitiu a Feijóo recobrar protagonismo na política estatal.

E é que nos últimos días a proposta de gran coalición que Feijóo xa puxera sobre a mesa volveu ao foco estatal con máis forza que nunca. Reivindica o xefe do Executivo galego que "alguén do PSOE" pare un pacto que ve "letal" dando por feito que, se isto ocorre, o PP tería as portas abertas a falar cos socialistas.

Este mesmo venres o seu secretario xeral, Miguel Tellado, incidiu nesta mesma idea, mentres que cargos do PP no ámbito estatal apuntaron que ven irreversible o pacto entre o presidente en funcións, Pedro Sánchez, e o líder de Podemos, Pablo Iglesias, e advirten, por tanto, de que calquera oferta de Partido Popular neste momento é "puro voluntarismo".

Á marxe, sexa cal for o Goberno que se conforme finalmente, os populares galegos, con Feijóo á fronte, avanzaron que demandarán que se cumpra a "axenda galega" con 25 puntos que a Xunta puxo sobre a mesa antes dos comicios e que inclúe cuestións como financiamento, infraestruturas (o AVE e outras) e compromiso coa industria.

FIXAR O RUMBO PARA PRÓXIMOS MESES

Tellado remarcou que o PPdeG fixaría este venres o rumbo para os próximos meses coa vista nas eleccións autonómicas, tras analizar "desde a humildade" os últimos resultados electorais.

Tamén dixo que o comité traballaría en identificar as oportunidades de mellora en busca da excelencia para as autonómicas. "Reunímonos moderadamente satisfeitos porque cremos que fixemos un bo traballo e entendemos que nestas eleccións cumprimos os obxectivos que nos marcamos", reflexionou Tellado.

Non en balde, destacou que se "melloraron" os resultados con respecto a abril, ao subir en votos e en 4,5 puntos. O PPdeG tamén logrou volver ser a lista máis votada e obtivo a maioría absoluta de representantes entre as dúas Cámaras porque, de 39 escanos a escoller en Galicia, os populares alcanzaron 21 entre deputados e senadores —sumaron un deputado e tres senadores máis que en abril—.

Tellado esgrimiu que o PPdeG é "un partido humilde que non se pode conformar con cumprir os seus obxectivos e que debe buscar sempre a excelencia".

"Mentres outros celebran perder as eleccións e 68.000 votos en seis meses, a razón de 350 ao día, e están encantados da súa derrota, desde o PPdeG empezamos a traballar desde xa con ilusión, ganas e determinación para volver ser merecedores da confianza maioritaria dos galegos a próxima vez que teñan que acudir ás urnas", resolveu.

Temas: 10N PPDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta