Temas: SANIDADE CIG

A CIG reclama a negociación do réxime xurídico e do sistema retributivo das matronas de Atención Primaria

Denuncia que se trata dunha categoría "esquecida" pendente de regular "desde hai 26 anos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2019 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

CIG-Saúde reclama a "inmediata" negociación do réxime xurídico e do sistema retributivo das matronas de Atención Primaria, porque se trata dunha categoría "esquecida" pendente de regular "desde hai 26 anos".

Matrona atendendo un embarazo
Matrona atendendo un embarazo | Fonte: remitida

O sindicato lembra que en 1993 se publicou o decreto de 29 de xullo de Ordenación da Atención Primaria en Galicia que "regula as retribucións de todo o persoal de Atención Primaria excepto as matronas".

Pero, matizou CIG-Saúde, na disposición transitoria cuarta, ese decreto "contemplaba que o Consello da Xunta regulará o réxime xurídico e retributivo das prazas de enfermaría obstétrico-xinecolóxicas". "No entanto, 26 anos despois, a Consellería non tivo tempo de presentar ningunha proposta de réxime xurídico para este colectivo", abundou.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, trátase dun sistema retributivo "que condena as matronas a perdas retributivas de máis de 100 euros ao mes cando cambian de concello, aínda que teñan máis cartóns sanitarios". E, engadiu, "non recoñece os conceptos que se pagan a outros colectivos".

Ademais, este sindicato sostén que este sistema retributivo "é inxusto porque non recoñece a carteira de servizo actual que realizan as matronas, é dicir, a atención sanitaria que prestan". "Por non ter, non teñen sequera un cociente de mulleres a atender por matrona", abundou.

MATERIAL

Así mesmo, CIG-Saúde criticou que as "necesidades de material das consultas das matronas quedaron fóra do plan de dotación que se está facendo na Atención Primaria".

Neste sentido, apuntou que "algunha das padiolas de exploración son tan arcaicas que parecen de museo e dificultan enormemente o traballo a realizar nas exploracións ás mulleres".

Por iso, esta central sindical lamenta que "dos oito millóns de euros que a Consellería de Sanidade di que destina á dotación de material, ninguén se acorda de recoller as peticións das matronas".

Temas: SANIDADE CIG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta